Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O proxecto “Pintar na Rúa” encherá de cor este verán o paseo marítimo de Malpica

20Xul 2015

O proxecto “Pintar na Rúa” encherá de cor este verán o paseo marítimo de Malpica

Catorce nenas de 7 a 14 anos iniciaron hoxe o taller que imparte por segundo ano consecutivo a artista Paula Fraile

540-f-foto

Catorce nenas de 7 a 14 anos iniciaron hoxe a segunda edición do taller “Pintar na Rúa”, unha iniciativa da Concellería de Cultura de Malpica que pretende dar continuidade ao proxecto artístico de recuperación de espazos degradados. O ano pasado a actividade desenvolveuse no muro exterior do Centro Cívico, pero este verán trasládase á praia, en concreto ao deteriorado muro situado entre os bares Submarino e Leño, un lugar moi frecuentado polos malpicáns e as malpicás debido ás impresionantes vistas da praia que se divisan dende os bancos existentes nese emprazamento.

Despois dunha primeira toma de contacto no Centro Cívico, as 9 nenas de 7 a 10 anos que integran a primeira quenda desprazáronse ata o lugar no que van poder dar renda solta á súa creatividade da man da pintora Paula Fraile, de Guadalajara, que hoxe reencontrouse con algunhas alumnas do ano pasado. Ata o lugar acudiron tamén o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, que animaron as xovencísimas participantes no obradoiro a aproveitar a experiencia.

Aínda que o motivo elixido será froito das achegas de todas as participantes, o que xa está claro é que gardará relación co mar e con Malpica e que estará cheo de cor para que esa parede, ata agora caracterizada polo seu abandono, se transforme nun punto de referencia e nun atractivo máis do paseo marítimo. As pequenas comezaron coa imprimación da parede, e as cinco maiores que se incorporaron despois, e que teñen entre 11 e 14 anos, continuaron co labor ata última hora da mañá.

As familias que queiran inscribir aos seus fillos e fillas para o segundo obradoiro, que se desenvolverá en agosto, poden dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104.