gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 17°
Xoves 17°
12°
Venres 19°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O presidente de Portos de Galicia visitou hoxe as obras de urbanización do porto de Malpica e o novo pantalán

29Dec 2015

O presidente de Portos de Galicia visitou hoxe as obras de urbanización do porto de Malpica e o novo pantalán

José Juan Durán anunciou que os traballos de acondicionamento do noiro da Atalaia e o novo aparcamento estarán rematados a finais de xaneiro

 MURO LONXA

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, o concelleiro Miguel Fernández e o patrón maior, Pedro Pérez, visitou hoxe as obras que o seu departamento está a acometer para mellorar os servizos aos usuarios do porto malpicán. Durán anunciou que as obras de reconstrución do noiro da Atalaia e a urbanización do espazo ocupado pola antiga lonxa estarán rematadas a finais do mes de xaneiro. O investimento realizado, que ascende a preto de 700.000 euros, garantirá a estabilidade e a seguridade do muro e permitirá mellorar de maneira substancial o acceso ás instalacións para camións e tráilers, dando así resposta a unha vella demanda do sector que foi trasladada a Portos polo alcalde. Ademais de gañar en operatividade, o terreo gañado permitirá crear unha nova área de aparcamento e lecer, harmonizando o espazo resultante coas actuacións realizadas no porto de Malpica nos últimos anos.

Portos de Galicia tamén inviste 22.000 euros na instalación de 15 vigas galvanizadas para as defensas de rosario (ringleiras de rodas que se colocan adosadas ao muro para protexer as embarcacións de posibles danos). A substitución completarase en breve.

PANTALAN

José Juan Durán visitou hoxe, así mesmo, o novo pantalán para embarcacións menores, que supuxo un investimento de máis de 70.000 euros financiado con fondos FEDER. As obras consistiron na construción de dous pantaláns engarzados, aos que se accede por unha pasarela articulada de estrutura de aluminio e piso de madeira. Esta pasarela dá acceso a un pantalán adosado ao peirao de 12 metros de longo por 3 de ancho que, á súa vez, conecta con outro transversal de 29,5 x 2,5 metros. Estas dúas estruturas están realizadas con perfís principais de aluminio e piso de madeira, e contan cun sistema de flotadores que garante a súa estabilidade con mareas vivas.