Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 17°
11°
Sábado 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O pleno da corporación de Malpica decreta un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto

30Mar 2017

O pleno da corporación de Malpica decreta un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto

O pleno da corporación de Malpica decretou un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto. “Hoxe é un día de loito para esta corporación municipal, para o noso pobo, para o mundo da cultura e para un sector tan importante para Malpica como o marisqueiro”, dixo o alcalde, Eduardo Parga, na declaración institucional que se leu durante a sesión.

FOTO MAR CASAL

Imaxe do pleno celebrado hoxe (Foto: Mar Casal)

“Hoxe o mar arrebatounos a un leal compañeiro, bo veciño e mellor persoa. Francisco Souto Barreiro, Paco Souto, percebeiro, escritor, político, gran activista social e cultural, sempre creativo e sempre buscando novas iniciativas coas que contribuír ao desenvolvemento cultural do seu pobo, do noso pobo. Paco Souto deixa un enorme oco na vida cultural de Malpica e da comarca. Deixa tamén unha cadeira baleira neste salón de sesións, pero deixa, sobre todo, unha familia pola que traballaba, pola que loitaba e á que adoraba”, continuou o alcalde, que quixo transmitir as condolencias de toda a corporación e de todo o pobo de Malpica á súa dona, Enma Abella, e aos seus fillos.

O pleno, ao que asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado provincial e concelleiro en Carballo Xosé Regueira, rematou cun minuto de silencio “como a última homenaxe que podemos facerlle”, declarou Eduardo Parga.

Os restos mortais de Paco Souto atópanse no tanatorio de Malpica, onde mañá venres ás 15.45 horas celebrarase un acto cívico organizado pola súa organización política. Ás 17 horas será incinerado en Carballo.
.