Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Mercado Medieval de Malpica amplía a oferta de postos de venda e de actividades paralelas

7Ago 2014

O Mercado Medieval de Malpica amplía a oferta de postos de venda e de actividades paralelas

A vila malpicá trasladarase á Idade Media do 14 ao 17 deste mes, coincidindo coa celebración da Festa da Galega
540-f-foto

Agosto é o mes de Malpica de Bergantiños. En plena celebración da Mostra da Olería de Buño, coa que colabora activamente, a Concellería de Turismo non quere que o ambiente decaia a partir da súa clausura, o día 10. Por iso o seu responsable, Alfredo Cañizo, ten preparado un ambicioso programa de eventos para a segunda quincena que arrincará o día 14 coa inauguración do III Mercado Medieval, unha cita ?que ano tras ano vai adquirindo unha maior relevancia dentro e fóra da localidade?, manifestou hoxe no acto de presentación, no que estivo acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, e polo técnico de Cultura, Antón Noceda.

 

Esta terceira edición será espectacular, non só polo incremento do número de postos de venda de artesanía e produtos de alimentación, senón tamén polo amplo abano de actividades paralelas que se levarán a cabo ao longo dos catro días do Mercado Medieval, entre o 14 e o 17 deste mes.

 

Deste xeito, nas tabernas da feira este ano poderase degustar un dos mellores polbos de Galicia, ademais de cochiño ao espeto. Durante catro días estará en Malpica Salvador de Paz, un dos acibecheiros máis importantes da metade norte da Península, que compartirá co público os segredos da extracción e da talla do acibeche, e que cumprirá o soño dos máis pequenos de converterse en paleontólogos.

 

As rúas do Mercado Medieval e da contorna estarán decoradas con bandeiras e estandartes, o que permitirá a veciñ@s e visitantes viaxar por uns días á Idade Media. E para que a sensación sexa aínda maior haberá músicos e cabezudos animando a vila, e a fin de semana Malpica recibirá a visita do Gran cabaleiro negro, que chegará montado a cabalo e fará rir e gozar a todos os visitantes os seus trucos e as súas fazañas.

 

Entre as propostas diarias do Mercado Medieval figuran os paseos en poni, unha noria de madeira ecolóxica impulsada a manivela, un castelo inchable e unha mesa de xogos tradicionais de madeira na que os nenos porán a proba a súa destreza e crearán as súas propias estratexias.

 

Pero na longa fin de semana de mediados de agosto, coincidindo do Mercado Medieval, Malpica tamén acollerá unha nova edición da Festa Galega, outro evento que vai gañando forza nos seus sete anos de vida grazas a carteis de luxo coma o deste ano. O venres 15 comezará a soar a música nas tabernas da vila con Vai Rañala Meu, que actuará a partir das 20.30 horas. Continuarán Os Sons do Vento de GonÇalo Guerreiro, Samarúas e Fol de Veneno, que tocará á media noite.

 

O sábado 16 será o día grande. Haberá pasarrúas dos gaiteiros de Carcaxía e Raigañas xa pola mañá, desfile da banda de gaitas de Malante ás 19.15 dende o Centro Cívico, e gran concerto nocturno con Quempallou, Treixadura e Sés, tres nomes claves na música galega actual.

 

Tanto Alfredo Cañizo coma Eduardo Parga destacaron a calidade do cartel e convidaron a veciños, visitantes e forasteiros a gozar destes días de verán en Malpica.