Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O goberno municipal xestiona a ampliación das horas de axuda do fogar e a creación dun centro de día para maiores

2Ago 2017

O goberno municipal xestiona a ampliación das horas de axuda do fogar e a creación dun centro de día para maiores

malpica consorcioO alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, reuníronse co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muiños, para abordar a necesidade de seguir mellorando os servizos e a atención ás persoas maiores.

Por unha banda, os representantes do goberno municipal solicitaron un incremento de horas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha proposta que foi ben acollida, xa que coincide cos plans nos que está a traballar o consorcio. Pero o alcalde e a concelleira insistiron ademais na necesidade de seguir avanzando cara a creación dun centro de día para as persoas maiores, un dos obxectivos que figuraba no programa electoral do Partido Popular e que xa foi transmitido no seu momento ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.

Por parte do goberno municipal dáse agora un paso adiante ao ofrecer ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as instalacións da Casa do Oleiro con esa fin. A proposta foi ben acollida e, de feito, o vindeiro mes de setembro desprazaranse ata Buño responsables e técnicos do departamento para valorar a idoneidade do edificio. A Consellería de Política Social aposta nestes momentos pola posta en marcha de centros sociais, e o Concello de Malpica quere entrar na rede autonómica cun servizo que facilite a atención aos maiores.

Na xuntanza con Perfecto Rodríguez Muiños tamén se fixo unha valoración moi satisfactoria do funcionamento da escola infantil, que comezará o curso con 29 usuarios/as: 10 de un a dous anos e 19 de dous a tres. “Estamos satisfeitos, porque se demostra que era un servizo necesario”, destacou o alcalde.