Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Fisober revalida o seu título de campión da Copa da Costa

15Xuñ 2017

O Fisober revalida o seu título de campión da Copa da Costa

fsf 2

O Fisober volveu a facerse coa Copa da Costa de fútbol sala feminino por segundo ano consecutivo, aínda que sufriu para conseguilo sobre todo ante un Villa de Cee que dou o mellor de si e que tivo ocasións para que o trofeo se fose para a vila da Xunqueira.

Nos dous primeiros partidos da mañá, Villa de Cee e Fisober cumprirían os prognósticos e superarían con certa contundencia a un Atletes que dou moi boa imaxe e que incluso tivo ocasións en ambos encontros para meterse de cheo na loita polos tres puntos pero o final, os seus rivais fixeron notar a diferenza de categorías e acabarían goleando ás esteiranas.

A iso das 14.00h. do pasado sábado, daría comezo o derradeiro e definitivo partido no que o Fisober e Villa de Cee xogaríanse o todo polo todo. Nos momentos iniciais do encontro, os nervios pola importancia do partido facíanse notar e, Lía e Adriana terían que empregarse a fondo para evitar que Goretti e Noe, respectivamente, adiantasen aos seus equipos. Pero aos oito minutos de partido, un erro na saída de balón do Villa de Cee propiciou un roubo de Noe en área contraria e a vimiancesa non perdoaba ante Adriana e facía o primeiro para o Fisober.

fsf 1

A pesar do gol, as ceenses non se virían abaixo e buscarían o empate en todo momento pero verían como, ata en seis ocasións, unha inconmensurable Lía evitaba que Andrea, en catro delas, María Lijó e Goretti puxesen as táboas no marcador. E tras isto, acabaría cumpríndose aquilo de quen perdoa, acaba pagando, logo de que Ana materializase una boa xogada combinativa entre Paula e a propia Ana. Pero como xa sucedera co anterior gol do Fisober, as rapazas de Mario de José non se virían abaixo e antes do tempo de lecer, Lía volvería a aparecer para evitar que Goretti recortase distancias no luminoso.

A sabendas de que o empate non lle chegaba para ser campioas, o Villa de Cee saíu a por todas e aos poucos segundos do comezo desta segunda metade, Tatiana estivo a piques de bater á gardameta esteirana do Fisober pero seu lanzamento marcharíase lambendo o pau. Mario de José non se gardou nada e dende o minuto dous da reanudación arriscaría co xogo de cinco e esta táctica dou os seus froitos co gol de Goretti que metía ás ceenses de cheo na loita polo partido e pola Copa da Costa.

E tres minutos despois disto, o Villa de Cee tivo unha gran ocasión para poñer as táboas no marcador pero o pau longo evitaría o gol de Adriana e na continuación da xogada, o lanzamento de Goretti marcharíase lambendo o traveseiro da porta defendida por Lía. Tras esta oportunidade, o partido sería moito máis aberto e as ocasións sucederíanse para ambos bandos, polo que puido suceder de todo pero finalmente o marcador non se movería e o Fisober proclamaríase campión da Copa da Costa na gran festa do fútbol sala feminino costeiro que organizaron dende a Federación Galega de Fútbol Sala, o Concello de Malpica e Asociación Deportiva Vidú.