gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 13°
Xoves 13°
Venres 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario “Marco Livornio”

4Nov 2018

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario “Marco Livornio”

ganhador 2018

O premio do XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só enriquece a colección da editorial Caldeirón _única no seu xénero_, senón que o propio xénero gaña un autor. “Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nunca chegaría a facer un poemario destas características”, asegurou o gañador, o ferrolán Mario Regueira.

O fallo do xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda como secretario, fíxose público, como é costume, durante a celebración da Cea das Letras, que cumpre o dobre obxectivo de dar a coñecer ao gañador ou gañadora do ano e de presentar impresa a obra premiada na edición anterior. Neste caso, o libro co que foron agasalladas todas as persoas asistentes foi Diáspora de amor balea, unha obra asinada por Andrea Nunez Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984). O ano pasado só puido acudir María á lectura do fallo, pero esta vez estaban as dúas, e ademais de deleitarnos cunha lectura a dúas voces dalgúns dos seus poemas eróticos, amosáronse moi satisfeitas coa edición da obra.

Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, foi o responsable de desvelar o título da obra gañadora nesta edición, Marco Livornio, que cualificou coma “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”. En palabras do propio autor, Marco Livornio é “un libro bastante especial e bastante estraño”, que aborda o erotismo desde unha perspectiva homosexual.

mario_regueira

Mario Regueira

Aínda que teremos que agardar ao vindeiro ano para ver a súa obra impresa, Mario Regueira adiantounos dous poemas. O gañador desta 13ª edición tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos impulsores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, e co que lle houbese gustado compartir esta Cea das Letras. “Non cheguei a tempo”, lamentou.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, felicitou tanto ao gañador deste ano coma ás gañadoras do ano pasado e reiterou o compromiso do goberno municipal, e o seu particular, co mantemento e a difusión do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Concello de Malpica achega os 1.000 euros do premio anual, que inclúe tamén a publicación da obra gañadora.

A Cea das Letras deste ano tivo un terceiro ingrediente literario, xa que tamén participou coma convidado Xabier Xil Xardón, que presentou o seu poemario Detéxtonos (Positivas) acompañado por Leo Arremecághona á guitarra.

Filloas á pedra e Olería de Buño

Mentres todo isto acontecía no escenario, o salón de actos da Casa da Cultura de Seaia, que volveu a abrir as súas portas para a Cea das Letras, recendía a filloas á pedra. Foron as protagonistas gastronómicas da velada grazas á colaboración de Ana Pereiro, máis coñecida coma Ana de Zas, que ten unha man excepcional para preparalas. Tanto de primeiro prato, acompañadas con rinchóns, coma na sobremesa, con doce, estaban exquisitas. E para completar un menú potente, fabada a fartar.

Outra das protagonistas da noite foi a Olería de Buño, coa que, ademais de ser agasallados o premiado e os membros do xurado, serviuse toda a comida e a bebida aos asistentes, entre os cales se atopaba a deputada no Congreso Alexandra Fernández.

13 anos de premios

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

O gañador

Mario Regueira (Ferrol, 1979). Comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé),Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira) e O silencio (2012). Tamén é da súa autoría o ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito, en 2016 defende a súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada sobre a narrativa galega durante a posguerra. Actualmente fai crítica literaria no Sermos Galiza e outros medios e participa do podcast cultural Burán, que se emite en Radio Campus Culturae e Cuac FM.