Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. “O episodio”, unha obra escrita a catro mans, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica de Malpica

9Nov 2014

“O episodio”, unha obra escrita a catro mans, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica de Malpica

Os autores do poemario son Alberte Momán, galardoado xa na segunda edición, e Verónica Martínez Delgado, que acadou un accésit no 2013

540-f-foto

Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado son os gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica polo poemario “O episodio”. O xurado deu a coñecer o fallo na Cea das Letras celebrada onte no restaurante A Cunca, de Buño, na que tamén se presentaron as obras premiadas na pasada edición, xa publicadas. Curiosamente, unha delas é “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, pola que Verónica Martínez obtivo un accésit no 2013. Pero as casualidades non rematan aí, xa que o coautor de “O episodio” foi o gañador da segunda edición do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. Nesta ocasión Alberte Momán e Verónica Martínez escribiron a catro mans a obra seleccionada polo xurado entre as 24 presentadas, unha proposta literaria “arriscada”, segundo os privilexiados membros do xurado. O resto do público terá que esperar para opinar a que vexa a luz dentro dun ano.

A concelleira de Cultura de Malpica, Noelia Freijeiro, e o secretario da Asociación Cultural Caldeirón, Paco Souto, foron os encargados de dar a benvida aos convidados, unha trintena, e de entregar o premio á parella gañadora, que ademais da contía en metálico foi agasallada con dúas pezas tradicionais de olería.

Outro dos protagonistas da noite foi o arousán Ramón Neto, gañador do VIII Certame de Poesía Erótica polo poemario “Dominio público”, ilustrado por Peter Kramer, que tamén acudiu á Cea das Letras. Ramón Neto viaxou a Malpica dende Bruxelas, onde reside dende hai 16 anos e onde forma parte do colectivo Couto Mixto, que se dedica á difusión da cultura galega na capital europea.

Obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

1.      “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro

2.      “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán

3.      “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira

4.     “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez

5.      “Amantes”, María Lado

6.     “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro

7.     “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde

8.      “Dominio público”, Ramón Neto

9.      “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán