Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Ecomuseo do Forno do Forte recupera os ouriñais, que deixaron de fabricarse hai anos, na Cocedura Tradicional

5Ago 2017

O Ecomuseo do Forno do Forte recupera os ouriñais, que deixaron de fabricarse hai anos, na Cocedura Tradicional

Este ano cocéronse arredor de 1.500 pezas no Forno do Forte, e entre elas figuran, por primeira vez, os tradicionais ouriñais ou pericos. “Era algo que había en todas as casas e que se facía en todas as olerías, e en Buño tamén”, sinalou o director do ecomuseo, Paco Doval, quen destacou o éxito desta 19ª Cocedura Tradicional: “Saíu todo moi ben”. Ademais dos ouriñais, que poden ser reproducidos grazas a que se atopou unha peza antiga nun faiado, mañá desenfornaranse todo tipo de pezas de tamaño mediano e grande, todas elas tradicionais.

IMG-20170805-WA0046

Aínda que sempre hai novidades na Cocedura Tradicional, outras cousas non cambian, coma a presenza do oleiro Antonio Pereira, O Rulo, á fronte do equipo de traballo que dedica toda unha fin de semana a revivir unha das nosas tradicións máis arraigadas e do que forma parte tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que despois de tantos anos xa é case un experto. Despois de traballar durante toda a mañá do sábado, arredor das 16 horas, co forno xa cargado, o alcalde e Manuela de Mariñán prenderon o lume. E durante toda a tarde os atizadores encargáronse de manter a temperatura arredor dos 1.000 graos que se precisan para que as pezas queden ben cocidas. A xornada rematou coa Festa da Carroa, aproveitando as brasas para preparar un bo churrasco que serviu de escusa para comentar as anécdotas da xornada antes de dar renda solta á diversión coa música do grupo Pelepau.

O Ecomuseo do Forno do Forte converteuse no principal centro de atracción da segunda xornada da Mostra da Olería de Buño. Ao longo de todo o día recibiu a máis de mil persoas procedentes de todo o territorio español e, aínda que en moita menor cantidade, tamén do estranxeiro.

As persoas que queiran ver o resultado da Cocedura Tradicional poderán achegarse mañá domingo a partir das 11 ata o Ecomuseo do Forno do Forte. Mañá tamén, a partir das 13.30, haberá sesión vemú co grupo De Vacas no Parque Luciano García Alén.