gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 16°
11°
Domingo 15°
11°
Luns 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Día do Ritmo reunirá mañá en Malpica a 120 nenos e nenas de varios concellos

2Mai 2016

O Día do Ritmo reunirá mañá en Malpica a 120 nenos e nenas de varios concellos

As Escolas Deportivas Municipais contarán con 40 representantes nas modalidades de ximnasia rítmica, aeróbic e psicomotricidade

cartel día do ritmo 2016

Malpica acollerá mañá unha nova edición do Día do Ritmo. A partir das 11.30 horas, o público que queira achegarse ata o pavillón municipal poderá gozar cunha exhibición artística que cumpre xa 13 anos e que vén avalada polo éxito das edicións anteriores.

Nos últimos anos, dende a Concellería de Deportes de Malpica estase a facer un gran esforzo na promoción das modalidades de aeróbic infantil e ximnasia rítmica, así como da psicomotricidade e o ritmo, e nesa liña, á marxe de difundir a práctica involucrando a diferentes entidades incluso de fóra do Concello, estableceuse a organización dun evento co  obxecto de dar unha maior difusión a ditas actividades e poder ofrecer tamén un espazo específico para realizar demostracións do aprendido durante o curso.

Para esta edición está prevista a participación de 120 nenos e nenas, corenta deles alumnos das Escolas Deportivas Municipais de Malpica, e o resto, convidados doutros concellos. Na modalidade de ximnasia rítmica intervirán as escolas de Malpica e Cabana, e nas de aeróbic e psicomotricidade participarán os grupos EDM Malpica, Malpica Psico, Tarrío e Blanco Amor.

O Concello de Malpica conta co apoio do Club Deportivo Costa Bergantiñá nas tarefas de organización do Día do Ritmo, no que tamén colaboran Gadis Hiper Carballo,  Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña.