Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concurso de Barcanas e Castelos de Area marca o comezo das nosas tradicionais Festas do Mar

24Ago 2017

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area marca o comezo das nosas tradicionais Festas do Mar

CARTEL CASTELOS AREA AGOSTO 17

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior” leva xa 16 anos marcando o comezo das tradicionais Festas do Mar. E este ano non será diferente, porque mañá venres a partir das 10.30 horas desenvolverase a 17ª edición coa finalidade de seguir promovendo a cultura popular e fomentando o uso lúdico da nosa praia. As inscricións poderán realizarse ata as 11 horas na mesma praia.

O Concello de Malpica establece tres modalidades de participación: infantil (ata 10 anos), amateur (a partir de 10 anos) e barcanas tradicionais de area (sen límites de idade). Cada participante ou grupo de participantes deberá realizar unha única obra. Na categoría amateur haberá tres premios dotados con 130, 70 e 40 euros, respectivamente, e trofeo. Tamén recibirán trofeos os gañadores dos premios á mellor barcana, á mellor obra infantil e á máis votada polo público, que terá á súa disposición unha urna para votar entre as 13 e as 13.30 horas.

O xurado, que estará formado por representantes do Concello de Malpica, da Asociación de Amas de Casa e da Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa, valorará a calidade técnica da obra, a súa complexidade, o deseño, as dimensións, a orixinalidade e a vinculación con Malpica.

Festas do Mar

Co Concurso de Barcanas e Castelos de Area arrancan as Festas do Mar, organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva Estádiga, e que contarán tamén nesta primeira mañá de celebracións cos pasarrúas dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante. Pero haberá música durante toda a xornada, xa que na sesión vermú das 14 horas actuará o Dúo Libertad, ás 18 actuarán no paseo da praia os grupos Inerttes e Aula 11, e pola noite haberá verbena con Los Mecánicos e o Dúo Diamante.

O sábado 26 actuarán de novo os gaiteiros de Malante ao longo da mañá, e na sesión vermú estará o dúo Calú. A partir das 16 horas haberá inchables na praia, e no paseo tocarán ás 19 horas Monoulious Dop. Verbena de luxo con Armonía Show e El Combo Dominicano. As Festas do Mar rematarán o domingo con outra xornada chea de actividades: pasarrúas cos gaiteiros de Malante e coa Banda de Música de Abegondo, que actuará a partir das 11 dentro do ciclo da Concellería de Cultura “Música na rúa”, sesión vermú con O Tren da Unha, e despois da procesión marítima volverá a música ao paseo da praia co Grupo 7 Setenta. Disco Fabrik e Grupo Bomba animarán a verbena, e ás 24 horas terá lugar a gran sesión de fogos de artificio na praia.

FESTAS DO MAR 2017