gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 17°
14°
Mércores 19°
14°
Xoves 17°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concurso de Barcanas e Castelos de Area marca o comezo das nosas tradicionais Festas do Mar

23Ago 2018

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area marca o comezo das nosas tradicionais Festas do Mar

CARTEL CASTELOS AREA AGOSTO 18

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior” leva xa 17 anos marcando o comezo das tradicionais Festas do Mar. E este ano non será diferente, porque mañá venres a partir das 10.30 horas desenvolverase a 18ª edición coa finalidade de seguir promovendo a cultura popular e fomentando o uso lúdico da nosa praia. As inscricións poderán realizarse ata as 11 horas na mesma praia.

O Concello de Malpica establece tres modalidades de participación: infantil (ata 10 anos), amateur (a partir de 10 anos) e barcanas tradicionais de area (sen límites de idade). Cada participante ou grupo de participantes deberá realizar unha única obra. Na categoría amateur, coa colaboración de SonPress, haberá tres premios dotados con 130, 70 e 50 euros, respectivamente, e trofeo. Tamén recibirán trofeos os gañadores dos premios á mellor barcana, á mellor obra infantil (Premio Asociación de Amas de Casa de Malpica) e á máis votada polo público (Premio Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa), que terá á súa disposición unha urna para votar entre as 13 e as 13.30 horas.

O xurado, que estará formado por representantes do Concello de Malpica, da Asociación de Amas de Casa e da Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa, valorará a calidade técnica da obra, a súa complexidade, o deseño, as dimensións, a orixinalidade e a vinculación con Malpica.

Programa das Festas do Mar

cartel festas

Co Concurso de Barcanas e Castelos de Area arrancan as Festas do Mar, organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva Estádiga coa colaboración do Concello, e que contarán tamén nesta primeira mañá de celebracións cos pasarrúas dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante. Pero haberá música durante toda a xornada, xa que na sesión vermú das 14 horas actuará o Dúo Ciclón, ás 16 empezarán as actividades no mar na praia de Area Maior, ás 18 soará a música de Os Mecánicos no paseo e despois do pregón de Selina Otero, previsto para as 22 horas, chegará a verbena con Dúo Diamante, Smoke Trío, Monoulious Dop e Los Hijos de la Pandilla.

O sábado 26 actuarán de novo os gaiteiros de Malante ao longo da mañá, e na sesión vermú, que este ano terá dous escenarios, tocarán o Dúo De Festa (centro de saúde) e Calú (praza de Anselmo Villar Amigo). A partir das 17 horas haberá inchables na praia e ás 19 a Mekánica Rolling Band animará as rúas da vila. A verbena arrancará ás 23 horas cun cartel de luxo: Palladium e El Combo Dominicano.

As Festas do Mar rematarán o domingo con outra xornada chea de actividades: pasarrúas cos gaiteiros de Malante, misa cantada pola Coral de Malpica ás 12, sesión vermú ás 14 con O Tren da Unha, procesión marítima a partir das 17.30 e pasarrúas con Kilomberos de Monte Alto xa desde as 18 horas. Na última verbena, a partir das 22 horas, música variada con Disco Móbil Impacto, Grupo Bomba e Malpica Tomorrowland para pechar a festa tras a sesión de fogos de artificio na praia ás 24 horas.