gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 16°
10°
Domingo 16°
Luns 18°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello pon en marcha un taller práctico de pladur e pintura para mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión

25Out 2017

O Concello pon en marcha un taller práctico de pladur e pintura para mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Un máximo de 10 persoas poderán participar no taller de pladur e pintura que organiza o Concello de Malpica, a través da empresa de economía social Máis Porvir, para persoas en risco de exclusión social. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral deste colectivo, ao mesmo tempo que se lle dá un valor engadido ao traballo mediante o acondicionamento dunha aula na Casa do Oleiro de Buño. Esta iniciativa promovida pola Concellería de Servizos Sociais dará continuidade, así mesmo, ao programa de formación que vén levando a cabo nos últimos anos co obxectivo de impulsar a empregabilidade dos colectivos que teñen máis dificultades para acceder ao traballo.

O taller será totalmente práctico, e dotará ás persoas participantes de coñecementos básicos en instalación de pladur, pintado de superficies e pequenos arranxos en edificios. Ademais da formación profesional de cara a unha futura inserción no mercado de traballo, esta acción formativa tamén pretende mellorar os hábitos laborais dos participantes, reforzar a súa autoestima e aumentar a súa motivación e educar na conservación ambiental e arquitectónica.

O curso desenvolverase desde o 31 deste mes ata o 12 de decembro. Terá unha duración de 54 horas, que se repartirán de martes a xoves de 11 a 14. O programa formativo inclúe coñecementos sobre eliminación de humidades, prevención de riscos, impermeabilización e técnicas de colocación de pladur, e pintado de superficies. As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico).