Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica reforza o seu compromiso contra a violencia de xénero e ofrece ás vítimas “todo o apoio ano noso alcance”

24Nov 2017

O Concello de Malpica reforza o seu compromiso contra a violencia de xénero e ofrece ás vítimas “todo o apoio ano noso alcance”

IMG_3536

En Malpica anticipamos a conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller para reunir a diferentes sectores sociais arredor dun obxectivo común, porque, como sinalou na súa intervención a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, “a cidadanía debe involucrarse nesta loita”. Para conseguir ese obxectivo, o Concello de Malpica puxo en marcha nos últimos anos unha serie de iniciativas de visibilización que teñen como protagonista a veciños e veciñas do noso concello. O lipdub contra a violencia de xénero e a exposición fotográfica “Por elas, por nós” son dous claros exemplos, e hoxe quixemos volver a amosalos. Pero este ano damos un paso máis utilizando as fotografías da exposición para ilustrar o calendario de Malpica Igualdade para o ano 2018, do que se distribuirán 2.500 exemplares.

“O Concello -manifestou o alcalde, Eduardo Parga- non dedica tan só un día ao ano a reclamar, pedir e loitar pola erradicación da lacra social que é a violencia de xénero; o equipo de goberno está moi sensibilizado con este problema e traballa contra el no día a día. A mostra é que hai un convenio firmado co Centro de Información á Muller de Carballo, outro co Punto de Información á Muller Rural creado pola Asociación Íntegro, e tamén contamos coa colaboración inestimable da Garda Civil para por en funcionamento un protocolo de actuación con celeridade cando recibimos unha denuncia por malos tratos. Debo resaltar que o noso municipio ten un índice moi baixo de denuncias, e que en todas elas se actuou coa maior celeridade posible e se lle brindou á vítima todo o apoio ao noso alcance”.

Tanto o alcalde como a concelleira insistiron na necesidade de promover desde a casa, a escola e a sociedade unha educación en igualdade, pero tamén animaron a denunciar a violencia machista non só ás vítimas, senón tamén á cidadanía, “porque non podemos ser cómplices dos maltratadores co noso silencio”, apuntou Eduardo Parga.

O acto celebrado no Centro Cívico incluíu tamén unha pequena lembranza de Paco Souto, veciño e concelleiro falecido este ano, que foi un dos participantes na campaña “Por elas, por nós”. O Concello de Malpica quixo lembralo coa proxección do vídeo dunha canción que lle gustaba moito, e na que se fala, precisamente, do papel que cumpre a muller na sociedade. Unha visita á exposición, que poderá verse tamén nos vindeiros días na sala circular do Fondo Lugrís, completou o acto.