Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
10°
Domingo 17°
11°
Luns 16°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica reforza a seguridade nas festas de Santo Hadrián e pon en marcha o servizo de salvamento nas praias

8Xuñ 2016

O Concello de Malpica reforza a seguridade nas festas de Santo Hadrián e pon en marcha o servizo de salvamento nas praias

O dispositivo da romaría está integrado por máis de 50 persoas entre Protección Civil, Policía Local e Garda Civil

Seis socorristas traballarán a partir do sábado 18 de xuño en Area Maior e Canido

santo hadrian 2016

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza en Malpica durante a Romaría de Santo Hadrián, Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrarán dende o venres 17 ata o domingo 19, debido a que se espera unha afluencia masiva de visitantes, sobre todo o domingo pola mañá. O dispositivo da romaría estará integrado por máis de 50 persoas entre axentes da Garda Civil e da Policía Local -que se reforza con persoal dos concellos limítrofes- e Protección Civil, que será o corpo máis numeroso con 30 voluntarios das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo e Cerceda, ademais de Malpica. Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza dunha ambulancia.

O dispositivo de seguridade centrou a xuntanza que mantiveron hoxe o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández; o xefe da Policía Local, Tito Mancebo, e o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño. Ademais de reforzar os servizos de seguridade e emerxencias, o Concello de Malpica tamén porá a disposición dos visitantes zonas de aparcamento gratuítas.

Os servizos a veciños e visitantes completaranse coa entrada en servizo do equipo de salvamento e socorrismo, integrado por seis persoas, nas praias de Area Maior e Canido. Os socorristas traballarán a partir  do sábado 18 de xuño, en horario ininterrompido de 12h a 20h. Nas praias do municipio que non dispoñen de servizo de salvamento colocaranse os aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.

Ademais, o Concello de Malpica pon en marcha unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián coincidindo coa presenza municipal en Festur. A presentación da campaña terá lugar mañá mércores, ás 12.30 horas, na propia ermida de Santo Hadrián.