Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica reduce a dúas as dedicacións exclusivas, que terán o alcalde e o concelleiro Miguel Fernández

1Xul 2015

O Concello de Malpica reduce a dúas as dedicacións exclusivas, que terán o alcalde e o concelleiro Miguel Fernández

A proposta sobre a incompatibilidade de Alfredo Cañizo para exercer como edil e funcionario foi retirada da orde do día do pleno de organización da corporación municipal á espera de máis información legal
540-f-foto

Aínda que a lei permitiría ao Concello de Malpica aprobar tres dedicacións exclusivas, o goberno municipal propuxo reducir unha con respecto ao mandato anterior. Deste xeito, só o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Ángel Fernández Mirás, cobrarán pola súa dedicación plena á xestión municipal. O rexedor manterá o mesmo salario que no pasado mandato, 42.139 euros brutos ao ano, mentres que o de Miguel Fernández increméntase en 4.000 euros brutos ao ano, e acada así os 34.000, debido, tal como xustificou o alcalde, a que tamén terá máis competencias e, en consecuencia, maior responsabilidade. O primeiro tenente de alcalde terá delegadas as áreas de Obras e Servizos, coma nos catro anos anteriores, pero ademais farase cargo das de Seguridade Cidadá e Protección Civil. Pola súa banda, Eduardo Parga encargarase directamente das áreas de Agricultura, Mar, Mostra da Olería e Ecomuseo do Forno do Forte.

 

O segundo tenente de alcalde, Iago Espasandín Varela, unha das novas incorporacións ao equipo de goberno, será o responsable das concellerías de Deportes e Urbanismo; a terceira tenente de alcalde, Marisol Blanco Gorín, seguirá á fronte de Servizos Sociais e Igualdade, e a cuarta tenente de alcalde, Noelia Freijeiro Novo, asumirá, ademais de Cultura e Educación, a área de Turismo. Pilar Doldán Pose tamén incrementa as súas competencias, ao facerse cargo de Promoción Económica, Traballo, Comercio e Industria. O sétimo membro do goberno municipal, Álvaro Carril Rodríguez, non terá delegada ningunha área debido a que, por motivos laborais, non se atopa en Galicia. De feito, onte non puido asistir ao pleno.

 

Este mandato haberá tres comisións (especial de contas, informativa de asuntos xerais e xunta de goberno), que se celebrarán ás 13.15 horas, e manteranse os plenos ordinarios cada dous meses. Por asistencia a plenos e comisións, os concelleiros que non teñen dedicación exclusiva percibirán 90 euros.

 

A corporación municipal de Malpica estará conformada por tres grupos: o PP, que conta con sete concelleiros; AIM, que ten catro, e o Grupo Mixto, integrado pola representante do PSOE e o do BNG, que, ao ter un único representante cada un, non poden ter grupo propio por lei. Cada grupo percibirá unha axuda anual fixa de 600 euros, á que se sumarán outros 600 por cada concelleiro. Miguel Fernández será o portavoz do grupo popular; Alfredo Cañizo, de AIM, e Isabel Loureiro e Paco Souto alternaranse como voceiros.

 

A iniciativa do alcalde, a proposta sobre a incompatibilidade de Alfredo Cañizo para exercer como concelleiro e funcionario municipal ao mesmo tempo foi retirada da orde do día. Eduardo Parga explicou que ten solicitado máis información para determinar se as competencias corresponden ao pleno ou á Alcaldía.