Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica pon en marcha por segundo ano unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

10Xuñ 2017

O Concello de Malpica pon en marcha por segundo ano unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

SANTO HADRIAN (3)

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián grazas ás axudas establecidas por Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Abanca para as Festas de Interese Turístico de Galicia. Entre estas atópase a nosa popular romaría, que este ano celebrarase o vindeiro domingo 18 de xuño.

Cartel-Sto-Hadrian-2017

A campaña foi presentada hoxe polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández Mirás, ao pé da ermida do Santo Hadrián, na que ademais puideron comprobar que xa nesta época do ano é un lugar de visita obrigada para turistas chegados dende diferentes puntos da península e mesmo do estranxeiro.
Entre as accións programadas dende as concellarías de Turismo e Promoción Económica figura a presenza da Romaría de Santo Hadrián en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebra esta fin de semana en Silleda. Ademais comezou xa o reparto de cartelería tanto en Malpica como nos concellos limítrofes, e despois do éxito do ano pasado, o Concello volverá a repartir panos de romeiro. Serán 2.000 en total e poderán recollerse no Centro Cívico, de balde ata esgotar existencias, a partir do mércores 14 (máximo 2 por persoa). Este ano tamén se gravará un vídeo coa finalidade de seguir ampliando o fondo documental sobre a Romaría de Santo Hadrián.

Os obxectivos son a promoción da Romaría do Santo Hadrián máis alá do ámbito local, a identificación dos veciños e veciñas do noso concello cun dos símbolos da nosa herdanza cultural, contribuíndo deste xeito á preservación do noso patrimonio inmaterial e á súa posta en valor tanto dentro coma fóra do municipio de Malpica de Bergantiños, e a consolidación do noso concello como un dos principais destinos turísticos da comarca de Bergantiños e mesmo da Costa da Morte.

IMG_3207

O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas, que ten preparada unha fin de semana de actividades. Comezarán o día 17 con pasarrúas a cargo da Banda de Música Eduardo Pondal, misa solemne ás 13 horas cantada pola Coral de Malpica, procesión coa banda, sesión vermú co Dúo Libertad e verbena cos dúos D’Festa e Libertad. O domingo ás 8 horas sairá a procesión coa imaxe do santo dende a igrexa parroquial de San Xulián ata a capela, onde haberá misas durante boa parte da xornada ata o regreso á vila a partir das 17.30 horas. A partir das 21 horas será a verbena con O Tren da Unha.