gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 19°
15°
Venres 20°
15°
Sábado 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica pon en marcha cursos de xardinería e cociña saudable para persoas maiores ou con diversidade funcional

3Nov 2014

O Concello de Malpica pon en marcha cursos de xardinería e cociña saudable para persoas maiores ou con diversidade funcional

Nas actividades, que se desenvolverán nos meses de novembro e decembro, participarán en total máis de vinte persoas
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica, que dirixe Marisol Blanco Gorín, porá en marcha este mes novas iniciativas formativas para persoas con diversidade funcional e da terceira idade.

 

Despois da excelente acollida que tivo o obradoiro de pequenos arranxos de xardinería, que permitiu acondicionar o xardín da praza do Cruceiro de Buño (na imaxe), o Concello de Malpica decide darlle continuidade a esta actividade. Deste xeito, e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, o día 11 comezará un novo taller de xardinería para persoas con diversidade funcional, no que repiten moitos dos que participaron no anterior. A acción formativa, que correrá a cargo da Asociación Íntegro, desenvolverase os martes, mércores e xoves, de 11.00 a 13.00 horas. Nesta ocasión, os alumnos e alumnas farán as prácticas nas zonas axardinadas do Centro Cívico e do centro médico de Malpica.

 

Este mes tamén comezarán dous cursos de cociña saudable, un deles dirixido a maiores e o outro, a persoas con diversidade funcional. Os dous serán impartidos tamén por Íntegro. O primeiro celebrarase todos os xoves, de 17.00 a 19.00 horas, dende o 13 deste mes ata o 18 de decembro. O segundo será os martes, no mesmo horario, dende o 11 deste mes ata o 16 de decembro. As clases impartiranse no Centro Cívico, onde se utilizarán as instalacións da cafetería para preparar e degustar a comida.

 

Para facilitar o desenvolvemento dos cursos e que os asistentes saquen o maior aproveitamento posible está previsto formar grupos reducidos, pero en total participarán máis de vinte persoas.