gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 19°
15°
Xoves 17°
15°
Venres 16°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica investirá os fondos do POS+ en melloras viarias en cinco parroquias

24Feb 2017

O Concello de Malpica investirá os fondos do POS+ en melloras viarias en cinco parroquias

As rúas Guardia Pardines, Doutor Fleming e Travesía Emilio González López serán obxecto de reformas integrais

O Concello de Malpica investirá a maior parte dos fondos do novo programa provincial POS+ na mellora das infraestruturas viarias da capital municipal e das parroquias de Mens, Barizo, Buño e Cerqueda.

RUA DOUTOR FLEMING OU GUARDIA PARDINES

Dos 265.556,32 euros correspondentes ao antigo POS, 168.058,34 destinaranse a gasto corrente, permitindo deste xeito liberar fondos municipais para atender distintas necesidades. Os restantes 97.497,98 euros investiranse nun proxecto conxunto de reforma integral das rúas Guardia Pardines e Doutor Fleming, as máis utilizadas para acceder ao paseo marítimo e á praia de Area Maior dende a travesía principal.

Tamén se acometerá unha actuación similar na Travesía Emilio González López, cun orzamento de 30.293,86 euros. Esta cantidade procede doutro dos fondos do POS+, do que ao Concello de Malpica correspóndenlle 163.419,27 euros. O resto, ata completar esa cantidade, investirase na mellora das redes viarias das parroquias de Mens, Barizo, Buño e Cerqueda.

O Concello de Malpica tamén podería investir 175.675,72 euros con cargo ao PAI (Plan de Aforro e Investimento), un plan da Deputación da Coruña que permite aos concellos pedir un préstamo a custe cero. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, explicou que no caso de Malpica non se utilizará esa posibilidade por varios motivos. En primeiro lugar, porque o Concello non ten débedas nin cos bancos nin cos seus provedores, e, en segundo lugar, porque recorrer a esta operación financeira suporía superar a regra e o teito de gasto, o que obrigaría a realizar un plan económico-financeiro que restrinxiría a capacidade de manobra do Concello nos próximos anos.

A proposta do grupo de goberno do PP foi apoiada no pleno polo BNG e o PSOE. AIM abstívose.