gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 23°
17°
Sábado 19°
17°
Domingo 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán colaboran no control dunha colonia de gatos vagabundos

31Ago 2015

O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán colaboran no control dunha colonia de gatos vagabundos

Para evitar que a colonia siga aumentando os felinos son castrados, e para que non haxa problemas de hixiene son aloxados nunha caseta especialmente deseñada para eles
540-f-foto

O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán veñen de asinar un convenio para o control dunha colonia de gatos vagabundos que estaba a provocar molestias entre os residentes da zona de Canido.

 

Mediante o acordo, voluntarios da protectora encárganse de capturar aos felinos e levalos ao refuxio de Gatocán para proceder á súa castración. Posteriormente, os gatos son trasladados de novo a Malpica para integrarse nunha colonia controlada que estará situada nunha caseta especialmente deseñada para eles que xa está instalada a poucos metros da praia.

 

A caseta foi inaugurada onte, e xa aloxa aos seus primeiros inquilinos despois de ser desparasitados e castrados. O interior está preparado para que os felinos poidan durmir e comer, e será o propio Concello de Malpica o que se encargará de facilitarlles a alimentación de xeito controlado. Neste sentido, dende o Concello e Gatocán pídese aos veciños e veciñas que non dean de comer aos gatos, xa que estas prácticas só contribúen a que proliferen cada vez máis e a que se produzan os problemas de hixiene que xa teñen provocado as queixas da cidadanía.

 

Segundo os cálculos iniciais, os voluntarios de Gatocán terán que dar captura a máis de corenta gatos. A protectora, que xa ten experiencia neste tipo de prácticas noutros concellos galegos, considera que esta é a forma máis “civilizada” de poñer fin ao problema, xa que, por unha banda, permítese que os gatos sigan vivindo na zona, e, por outra, “empezan a adquirirse bos costumes que, ademais de mellorar a calidade de vida dos animais, facilitan a convivencia”.

 

O Concello de Malpica faise cargo dos gastos de desprazamento, castración e construción da caseta, o cal pode supoñer, en total, arredor dos 1.500 euros.