Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica acometerá a mellora do alumeado en Mens e do saneamento en Piñeiros cos fondos do PAI

13Feb 2015

O Concello de Malpica acometerá a mellora do alumeado en Mens e do saneamento en Piñeiros cos fondos do PAI

O Plan de Aforro e Investimento, aprobado pola corporación municipal no pleno extraordinario de hoxe, acada os 193.046,79 euros
540-f-foto

A corporación municipal de Malpica aprobou hoxe o Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015 por un importe de 193.046,79 euros. O PAI é un préstamo que a Deputación da Coruña concede aos 93 concellos da provincia sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de 10 anos a partir do 2017, unhas condicións moi vantaxosas e que, na opinión do alcalde, Eduardo Parga Veiga, “sería unha mágoa non aproveitar”.

 

Nas bases reguladoras do PAI establécese que os concellos poderán destinar a citada cantidade á redución do seu endebedamento e/ou á realización de investimentos financeiramente sostibles. A proposta do goberno municipal de Malpica consiste en destinar 33.065,59 euros á redución da débeda e o resto a obras: por unha banda, á renovación das instalacións de iluminación para a mellora da eficiencia enerxética nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón, na parroquia de Mens, por 61.641,45 euros; por outra, a completar a rede separativa de pluviais e residuais do lugar de Piñeiros, que deste xeito quedará saneado por completo cun investimento de 98.339,27 euros.

 

O BNG apoiou a proposta do goberno municipal “porque entendemos que son obras necesarias, sobre todo o saneamento”, apuntou a voceira, Rosario Fernández. O PSOE, pola súa banda, abstívose.

 

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou que o Concello pode destinar a maior parte do PAI a investimentos grazas á boa xestión económica destes últimos anos. De feito, apuntou que a débeda municipal sitúase neste momento arredor dos 60.000 euros e que no plan de pago a provedores reduciuse de cinco a tres anos o prazo para liquidalo, de xeito que xa está todo saldado.

 

No pleno extraordinario de hoxe, que comezou ás 13 horas e durou media hora, o goberno municipal tamén deu conta da solicitude de autorización ao Ministerio de Facenda para a reposición dunha praza de policía local que está vacante. No último punto aprobouse unha modificación das bases de execución do orzamento relativas á facturación electrónica.