Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas reivindica Malpica como lugar de referencia para a cultura galega

28Mai 2018

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas reivindica Malpica como lugar de referencia para a cultura galega

28052018 poesia_erotica (3)

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só é único en Galicia, senón que co paso do tempo tense convertido nun premio de referencia. Tanto é así que, segundo anunciou o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Francisco Quiroga (Paco de Tano), na presentación desta 13ª edición, desde Allariz interesáronse este ano en reservarlle un espazo dentro do seu prestixioso Festival Internacional de Xardíns.

Caldeirón volve a contar unha vez máis coa colaboración do Concello e Malpica na organización do certame. “Despois de 13 anos vai a máis, o cal quere dicir que acertamos, e creo que está máis ca consolidado”, manifestou o alcalde, Eduardo Parga. Ademais de expresar o agradecemento do Concello a Caldeirón pola iniciativa, o alcalde convidou á participación e tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos principais impulsores do premio. “Hai unha persoa que nos falta, pero que segue estando con nós e hoxe estaría contento de ver que isto segue”, engadiu Eduardo Parga.

Pero o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non é só un premio literario, senón que contribúe, en palabras de Paco de Tano, “a facer marca Malpica”. Con esa mesma intención, a Asociación Cultural Caldeirón volve a contar co apoio do Concello de Malpica, e neste caso tamén da Asociación Cultural Malante, para a organización doutro evento que tamén reivindica Malpica como lugar de referencia para a cultura galega: a I Feira do Libro de Poesía “Paco Souto”, que se celebrará do 1 de 3 de xuño no Mercado Municipal.

“É unha iniciativa que tiñamos pendente desde hai tempo, pero se hai vontade e o Concello colabora as cousas son máis sinxelas”, sinalou o presidente de Caldeirón. Neste caso, ademais, tamén se pretende dinamizar o Mercado Municipal e “darlle un pulo”, ademais de involucrar á hostalaría, porque “se a xente non vai á poesía, a poesía ten que ir á xente”, engadiu Paco de Tano.

Librerías e editoriais teñen expresado xa a súa intención de participar na iniciativa, que reunirá a nomes da cultura galega tan destacados coma Eduardo Estévez, Marta da Costa, Xurxo Souto, Rosalía Fernández Rial, Carlos Lourenzo ou Ricardo Seixo, a artistas plásticos e a entidades e persoeiros locais coma a Asociación Cultural Malante ou Andrés Mourente. “En Malpica poderiamos ser todos poetas, porque Malpica é unha poesía en si. Polo tanto, é normal facer unha feira da poesía e seguir facendo marca Malpica”, asegurou Paco e Tano.

Bases do Certame de Poesía Erótica e premiados
O prazo de participación no Certame de Poesía Erótica está aberto ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, en novembro, e na que tamén se fará a presentación pública da obra gañadora na pasada edición. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros. Consulta as bases completas aquí: BASES XIII CERTAME DE POESIA EROTICA ILLAS SISARGAS 2018

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo