gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 20°
16°
Xoves 19°
15°
Venres 19°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas incluirá este ano unha homenaxe a Paco Souto

22Mai 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas incluirá este ano unha homenaxe a Paco Souto

Este ano o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas será especial porque, como lembrou hoxe Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, “é a primeira vez que o celebramos sen Paco Souto”. O que foi secretario de Caldeirón e un dos principais impulsores do premio, faleceu o pasado 30 de marzo, e tanto os seus compañeiros e compañeiras da asociación como o Concello de Malpica queren dedicarlle dalgún xeito esta 12ª edición. Con esa intención, segundo anunciou o presidente de Caldeirón na presentación do certame, que tivo lugar hoxe no Centro Cívico, coincidindo coa Cea das Letras, no mes de novembro, celebrarase unha homenaxe a Paco Souto.

POESIA EROTICA 22 MAIO (6)

Unha das propostas que se barallaron foi o cambio de nome do propio certame, pero Paco de Tano explicou que finalmente desestimouse “porque a fin de contas foi el o que lle puxo o nome de Illas Sisargas”. Do papel fundamental que xogou Paco Souto na historia do certame falou tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e nese sentido considera que é preciso lembrar a súa figura.

Do mesmo xeito que Paco de Tano manifestou a intención da Asociación Cultural Caldeirón de manter o premio, o alcalde de Malpica expresou o compromiso do Concello de seguir colaborando como ata agora. “O certame de poesía erótica ten o noso apoio total porque cremos nesta iniciativa e esperamos que siga indo a máis, como ata agora”.

O prazo de inscrición está aberto  ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, na primeira fin de semana de novembro, e na que tamén se fará a presentación pública da obra gañadora na pasada edición. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros. Consulta as bases completas pinchando aquí.

BASES XII CERTAME DE POESIA ERÓTICA ILLAS SISARGAS 2017

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo