Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O CEIP Milladoiro convértese nun dos primeiros colexios galegos que introduce a cociña no seu programa educativo

1Mar 2016

O CEIP Milladoiro convértese nun dos primeiros colexios galegos que introduce a cociña no seu programa educativo

A comunidade educativa, a ANPA e o Concello de Malpica colaboraron na posta en marcha da pioneira Aula de Cociña.

 

CONVIDADOS_web

O CEIP Milladoiro de Malpica convértese nun colexio pioneiro na Costa da Morte coa posta en marcha da Aula de Cociña, unha das poucas que están en funcionamento en Galicia, e que dende onte é unha realidade grazas á implicación de toda a comunidade educativa. De feito, como destacaron todos os participantes no acto de inauguración, o proxecto, impulsado por un grupo de docentes co apoio do equipo directivo, tivo tan boa acollida que só fixeron falla uns meses para poñelo a andar. O Concello de Malpica encargouse do acondicionamento das instalacións e o mobiliario, mentres que a ANPA achegou electrodomésticos, enxoval e ata as cortinas. “Onde había un espazo sen uso agora temos unhas instalacións ao servizo da educación que reciben os nenos deste pobo”, sinalou a directora do colexio, Olga Rodríguez, que destacou as enormes posibilidades didácticas que ofrece a aula, porque a cociña, dixo, “ é física, é química, é matemáticas, é lingua…”.

DOCE-NENOS-2_webA esa transversalidade aludiu tamén o cociñeiro Fernando Agrasar, propietario do restaurante As Grazas, que posúe unha estrela Michelin, e que non quixo perderse o acto de inauguración da Aula de Cociña. “Para min é fundamental que os nenos experimenten na cociña, e ademais a cultura gastronómica edúcase, non se nace con ela”, declarou. Agrasar destacou a enorme demanda de profesionais da restauración. “É unha profesión de moda, cunha saída laboral do 98%, e nese sentido a gran materia pendente que temos na comarca é unha escola de hostalería forte”, engadiu.

Xunto ao coñecido restaurador estivo outra cociñeira moi coñecida en Malpica, Carmen Verdes, que, malia que se autodefine como afeccionada, ten ensinado a cociñar a moitas xeracións de malpicáns a través dos cursos que imparte na Asociación de Amas de Casa. Na inauguración da Aula de Cociña declarou a súa paixón polo chocolate e a améndoa, dous produtos que domina á perfección, como demostrou cos doces que elaborou para o acto, ao que asistiron membros da ANPA, docentes, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde e representante do Concello no consello escolar, Miguel Fernández.

DOCE-NENOS-1_web

Pero non foron os doces de Carmen nin os de Fernando os protagonistas da tarde, senón que o foron os que elaboraron os nenos e nenas, todos eles inspirados en contos e ademais co reto de ter que facer todas as elaboracións en frío, en forno ou en microondas, xa que na aula non se traballa con lume, polo menos de momento.

Pero o proxecto, que o alcalde de Malpica cualificou como “sorprendente” e “moi interesante”, non fixo máis que arrancar. A partir de agora será o profesorado o encargado de dinamizalo, xa que cada titor traballará na Aula de Cociña cos seus alumnos e alumnas. Iso si, tanto Carmen Verdes coma Fernando Agrasar brindáronse a acudir ao colexio para realizar algunha que outra “masterclass” ao longo do curso.