Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O campamento deportivo é a primeira actividade que organiza o club Costa Bergantiñá para este verán

18Xuñ 2014

O campamento deportivo é a primeira actividade que organiza o club Costa Bergantiñá para este verán

A presentación do programa de actividades tivo lugar hoxe na Casa do Oleiro de Buño A novedade estrela deste ano será unha saída de aventura a Asturias
540-f-foto

O Clube Deportivo Costa Bergantiñá presentou hoxe o programa de actividades que desenvolverá este verán nos municipios de Malpica, Coristanco, Ponteceso, Cabana e Laxe. No acto, que tivo lugar na Casa do Oleiro de Buño, participaron técnicos dos cinco concellos; os concelleiros Manuel Torrado, de Malpica; Mar Durán, de Ponteceso, e Carlos Allo, de Cabana; a representante da área de deportes da Deputación da Coruña Loly Hortas; Samuel Rodríguez Pardiñas, de Atmósfera Sport Carballo e Ponteceso, e Primitivo Reguera, da Escola de Basket Xiria, que por primeira vez colaborará na iniciativa.

A primeira actividade do verán será o Campamento Deportivo Costa Bergantiñá, de carácter itinerante, que se desenvolverá do 7 ao 11 de xuño polas mañás. Esta novena edición arrincará o día 7 en Cabana con piragüismo e piscina, e continuará o 8 en Coristanco con xogos ao aire libre e piscina, o 9 en Ponteceso con atletismo, o 10 en Malpica con surf e o 11 en Laxe con busca do tesouro e piscina. O campamento está dirixido a nenos nados entre os anos 2000 e 2007. Hai 20 prazas para cada concello, e a cota é de 22 euros para os empadronados e de 25 para os de fóra do ámbito de actuación de Costa Bergantiñá. Todos os participantes serán agasallados cunha camiseta, cada día recibirán froita e agua, e este ano, como novidade, para clausurar a actividade celebrarase unha comida de confraternidade.

Por oitavo ano celebrarase do 14 ao 18 de xullo o Campus de Fútbol Costa Bergantiñá, que este ano terá como sede o campo de Xaviña, en Buño. Está destinado tamén a nenos nados entre os anos 2000 e 2007, hai 20 prazas por concello e cada participante recibirá unha equipación, e a diario tamén froita e agua. O prezo é de 25 euros para os empadroados e de 30 para os demais.

Por primeira vez, en colaboración coa Escola de Basket Xiria, este ano vaise celebrar o Campus de Baloncesto Costa Bergantiñá. Será do 21 ao 24 de xullo para nenos das mesmas idades, e a cota será de 15 euros para os empadroados e de 20 para o resto. Cada concello dispón de 12 prazas, e todos os participantes recibirán unha equipación. A diario tamén se lles ofrecerá froita e auga. Neste caso precísase un mínimo de 60 inscritos entre todos os concellos para poder levar a cabo a actividade. Pablo Lista presentou como actividade estrela do verán a Saída de Aventura a Asturias prevista para os días 28 e 29 de xullo. Trátase dunha actividade destinada a achegar o deporte de aventura aos nenos nados entre os anos 1998 e 2003. O primeiro día realizarán un descenso en piragua polo Sella, e o segundo farán a Senda do Oso en bicicleta. A cota é de 50 euros para os empadroados e de 60 para os demais interesados. Hai 9 prazas por concello, e precísase un mínimo de 25 inscritos entre todos. Á parte da idade, os participantes deben reunir outras condicións: saber nadar e andar en bicicleta.

O técnico de deportes de Malpica, Pablo Lista, agradeceu en nome do club ‘o apoio que tivemos todos estes anos dos nosos concellos e da Deputación, e que esperamos seguir tendo no futuro’. Tamén expresou o agradecemento da entidade ao Centro Comercial Gadis Híper. Apuntou, ademais, que todas as actividades de Costa Bergantiñá están organizadas e coordinadas por profesionais, que contan con seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes para os participantes e servizo de transporte. Apuntou, ademais, que todas as actividades de Costa Bergantiñá están organizadas e coordinadas por profesionais, que contan con seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes para os participantes e servizo de transporte.