gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 19°
16°
Martes 19°
16°
Mércores 18°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O artesán rianxeiro Roberto Figueira Martínez doa unha escultura da Virxe do Carme ao Concello de Malpica

23Ago 2017

O artesán rianxeiro Roberto Figueira Martínez doa unha escultura da Virxe do Carme ao Concello de Malpica

TALLA VIRXE (1)

O artesán rianxeiro Roberto Figueira Martínez foi un dos participantes na Feira Medieval Mariñeira de Malpica. Os seus traballos en madeira chamaron a atención dende o primeiro momento do alcalde, Eduardo Parga Veiga, que se interesou tanto pola técnica como polos materiais utilizados e o tipo de obras realizadas polo escultor, e ese interese veuse recompensado cunha imaxe da Virxe do Carme que chega, ademais, en vésperas das Festas do Mar.

Roberto Figueira talla con gubias case todo tipo de madeiras, aínda que ten preferencia polas autóctonas, e deseña e fabrica todo tipo de obxectos, tanto colgantes e complementos decorativos como mobles ou elementos estruturais. A escultura da Virxe do Carme está realizada en piñeiro roxo. Relevos, esculturas de pequeno e mediano formato, carpintería e ebanistería son as especialidades deste rianxeiro, que ademais realiza demostracións en eventos como a Feira Medieval Mariñeira.

TALLA VIRXE (2)

Normalmente empeza unha peza en cada feira, e en Malpica puxo mans á obra xa dende o primeiro momento coa talla da Virxe. A súa idea era que o público puidese ver o proceso completo da creación, pero faltoulle un día de traballo para lixala e darlle o acabado final. Será o Concello o que se encargue de completar a obra. “Normalmente cando me piden algo procuro facer unha peza acorde á duración da feira, pero neste caso non estaba previsto”, explicou o artesán, que se amosou agradecido pola boa acollida que tivo o seu labor.