Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Nenos e nenas de 6 a 14 anos volven a “Pintar na rúa” para encher de cor o parque infantil da rúa Patria Galega

1Ago 2018

Nenos e nenas de 6 a 14 anos volven a “Pintar na rúa” para encher de cor o parque infantil da rúa Patria Galega

01082018 pintar_na_rua (4)

A quinta edición de Pintar na rúa xa está en marcha. Hoxe pola mañá preto de vinte nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos puxéronse mans a obra para encher de vida e cor un dos muros do parque infantil situado na rúa Patria Galega (enriba do Mercado Municipal).  Desde hoxe e ata vindeiro día 14, os/as máis cativos/as volverán a ser os e as protagonistas e responsables do proxecto de rexeneración urbana, promovido pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo para transformar diferentes espazos urbanos en enormes lenzos onde dar renda solta a súa creatividade.

Este ano, os/as alumnos/as deste obradoiro artístico estarán dirixidos/as pola artista carballesa Emi de las Heras, que xa ten participado en proxectos tan coñecidos coma Derrubando Muros con Pintura. Os e as  participantes están divididos en dous grupos en función das súas idades. Os nenos e nenas de 6 a 10 anos pintarán de luns a venres de 11.00 a 12.15 horas, e os de 11 a 14 anos, de 12.30 a 13.45 horas. Mentres que a primeira quenda xa está totalmente cuberta, para a segunda aínda queda unha praza dispoñible. Para anotarse abonda con dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104, en horario de 09.30 a 13.00. Finalmente, a actividade desenvolverase só do 1 ao 14 de agosto, quedando suspendido o obradoiro previsto do 16 ao 29.

01082018 pintar_na_rua (5)

A primeira xornada dedicárona a coñecer a temática do mural que comezarán a debuxar e pintar coas súas propias mans a vindeira semana. Polo de agora só vos podemos adiantar que se trata dunha creación moi colorista na que se recollen os elementos máis significativos do municipio, como son o mar, as redes e a Olería de Buño. Para ver o resultado final haberá que agardar ao remate deste divertido e creativo taller.

Malpica, que foi un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, recuperou no verán do 2014 o proxecto “Pintar na Rúa” a través dun obradoiro que permitiu transformar o muro exterior do Centro Cívico nun enorme lenzo. A experiencia tivo tanto éxito que dende entón repetiuse cada verán en distintos espazos.