Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Medio millar de nenos renderanlle homenaxe a Ramón Calvete en Xaviña

17Abr 2019

Medio millar de nenos renderanlle homenaxe a Ramón Calvete en Xaviña

Cartel V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica

O Campo Municipal de Xaviña xa conta as horas para acoller a quinta edición do Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica, que se celebrará o xoves 18 e o venres 19 de abril no municipal oleiro para render homenaxe a un dos seus grandes impulsores como foi o gran Ramón Calvete Gómez.

O Concello de Malpica e a Asociación Deportiva Vidú xa están ultimando os detalles do V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez, que unha Semana Santa máis será unha gran festa do fútbol base e a cal, a partires desta edición, terá unha toque sentimental, xa que dende a organización decidiron renderlle homenaxe a un home de fútbol, unha persoa que o deu todo pola súa paixón e polo seu Buño como foi ex presidente branquiazul Ramón Calvete Gómez.

Nada máis e nada menos que cerca de medio millar de nenos e nenas que compoñen os 29 equipos participantes serán os que encherán dun gran ambiente de fútbol e de convivencia deportiva o Campo Municipal de Xaviña.

Neste evento, que xa está consolidado na axenda deportiva de cada Semana Santa, estarán representados os seguintes 16 clubs: Corme CF, Buño SCD, EF Luis Calvo Sanz, Cabana SD, CF Dumbría, Galicia Gaiteira, UD Cerqueda, SD Tordoia, SD Sofán, Camariñas FC, UC Cee, Bergantiños FC, Victoria CF, Imperátor OAR, Concello de Zas e Muxía CF.

Na xornada do xoves, os benxamíns e os infantís serán os encargados de facer gozar aos afeccionados que se acheguen ata Xaviña dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde, mentres que o venres será a quenda dos prebenxamíns e dos alevíns nunha xornada que comezará ás 10.30 da mañá e rematará ás 8.20 da tarde.

Como adoita ser habitual nos eventos nos que está metida a Asociación Deportiva Vidú, haberá representación feminina xa que é unha das premisas da entidade cormelana, e neste V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez haberá dous equipos formados totalmente por nenas como son as promesas das EF Luis Calvo Sanz que competirán na categoría benxamín e as infantís do Victoria CF da Coruña.

Dende a organización convidan a todos aqueles que sexan afeccionados ao fútbol que se acheguen ao Campo Municipal de Xaviña (Buño) para gozar dun evento que sempre é unha gran xornada de convivencia futbolística para todos os participantes e tamén para os espectadores.