gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 19°
15°
Luns 19°
16°
Martes 19°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica, sede da II Copa da Costa de fútbol sala feminino

8Xuñ 2017

Malpica, sede da II Copa da Costa de fútbol sala feminino

O Concello de Malpica de Bergantiños será a sede da II Copa da Costa de fútbol sala feminino organizada pola Asociación Deportiva Vidú baixo a tutela da Federación Galega de Fútbol Sala.

Calendario II Copa da Costa FSF (2)

Nesta segunda edición, que terá lugar o sábado 10 de xuño no pavillón municipal de Malpica de Bergantiños, serán tres os equipos participantes, un menos que na primeira Copa da Costa de fútbol sala feminino debido a que o actual campión da liga provincial, o SD A Baña, e o Ponteceso FSF, actual campión da copa provincial, non poden asistir por falta de efectivos para a data na que se celebrará esta competición.

Por tanto, un Fisober que este ano fixo unha gran tempada que o levou a acadar a ansiada permanencia na Segunda División Nacional do fútbol sala feminino; un Villa de Cee que na súa primeira campaña na Liga Autonómica acadou manterse na categoría e competir moi ben en cada un dos seus partidos; e un Atletes que segue medrando e crecendo a pesar da súa xuventude; serán os equipos que participarán nesta segunda edición da Copa da Costa FSF que se comeza a afianzar no panorama do fútbol sala feminino da Costa da Morte.

Debido a que tan só competirán tres equipos nesta segunda edición da Copa da Costa de fútbol sala feminino, a organización decidiu que a competición se xogase mediante liguilla en lugar de por eliminatoria, polo que todos os equipos se enfrontarán uns aos outros.

Pola mañá haberá dous encontros nos que ao Atletes de Esteiro lle tocará dobre ración xa que as esteiranas enfrontaranse ao Villa de Cee e ao Fisober, ás 11.00h. e ás 13.00h., respectivamente. Mentres que pola tarde, ás 18.00h., serán o Villa de Cee e o Fisober os que se verán as caras no derradeiro partido da competición.

Este ano, a Copa da Costa de fútbol sala feminino terá como madriña a unha ilustre da zona deste deporte como é a muxiá Patri Romaní, que actualmente milita no Viaxes Amarelle FSF.

Dende a entidade malpicá animan a todos os afeccionados ao fútbol sala que se acerquen ata o pavillón municipal de Malpica de Bergantiños para desfrutar desta gran festa do fútbol sala feminino da Costa da Morte.