Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica recupera Pintar na Rúa cun proxecto de embelecemento para o exterior do Centro Cívico

12Xul 2014

Malpica recupera Pintar na Rúa cun proxecto de embelecemento para o exterior do Centro Cívico

O luns comezará un obradoiro para nenos de 6 a 14 anos que será impartido polas artistas Paula Fraile e Roberta Venanzi
540-f-foto

Malpica foi un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados. Pero o proxecto Pintar na Rúa estaba durmido dende hai anos. Agora o Concello, a través da Concellería de Cultura, decide recupéralo coa primeira finalidade de embelecer o muro exterior do Centro Cívico. E serán os nenos e nenas do municipio os encargados de facelo.

 

O luns 14 comeza o obradoiro de manualidades Pintar na Rúa, que constará de 10 sesións e no que participarán nenos de 6 a 14 anos, divididos en dous grupos. Durante dúas semanas, de 11.00 a 12.45 horas, traballarán nun proxecto dirixido polas artistas Paula Fraile (Guadalajara) e Roberta Venanzi (Roma), que están a participar tamén no veciño municipio de Carballo na iniciativa Derrubando Muros con Pintura.

 

Os días de choiva as actividades artísticas trasladaranse ao interior do Centro Cívico, pero, se o tempo o permite, os nenos e nenas decorarán o muro exterior do edificio con motivos mariñeiros. Os interesados aínda están a tempo de inscribirse antes do comezo da actividade, aínda que só hai dez prazas para cada grupo.

 

Pintar na Rúa será o primeiro obradoiro deste mes de xullo. A partir do día 28, e ata o 8 de agosto, celebrarase o de danza moderna, que inclúe hip hop e model jazz.  Está previsto crear dous grupos de 12 alumnos, un para nenos e nenas de 6 a 10 anos e outro para os de 11 a 17. O prezo, coma no obradoiro de pintura, é de 11 euros, e o prazo de inscrición segue aberto ata o inicio da actividade.