Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica, protagonista do programa da TVG “Aquí Galicia”

15Ago 2014

Malpica, protagonista do programa da TVG “Aquí Galicia”

O espazo emitirase mañá sábado de 16.30 a 19.00 horas dende a vila malpicá coincidindo co Mercado Medieval e a Festa Galega
540-f-foto

O programa da TVG “Aquí Galicia” realizarase mañá sábado dende Malpica por iniciativa do concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo. A emisión coincide coa celebración do Mercado Medieval Mariñeiro e a Festa Galega, que terán unha presenza destacada, pero ademais participarán numerosas entidades do municipio, como a Agrupación de Percebeiros ou a Asociación de Redeiras o Fieital, que amosará bolsos deseñados por elas e confeccionados con redes. Un representante da Asociación Oleira de Buño realizará unha demostración no torno, membros da Federación Galega de Surf impartirán unha clase en directo e Asociación Cultural Carcaxía fará un centro de flores.

 

A oferta do programa será moi variada. Os espectadores poderán ver dous vehículos que participan en concentracións de tunning, un desfile de bolsos de Carmen Labrador ou como se prepara unha caldeirada de peixe. A música estará moi presente, coas actuacións dos grupos de baile e gaitas da Asociación Cultural Malante e unha exhibición de bailes de salón dos maiores. E a festa continuará a ritmo de verbena coas orquestras Ciclón e Alaska.

 

Tampouco faltará a gastronomía. A Concellería de Turismo ten preparada unha sardiñada, e como postre haberá rosca de pan de ovo

 

A emisión do programa da TVG forma parte da ampla campaña de promoción turística de Malpica que está a levar a cabo o concelleiro Alfredo Cañizo, promotor, así mesmo, do Mercado Medieval e da Festa Galega que están a converter a vila nun punto de referencia durante toda a ponte. Miles de persoas visitaron hoxe Malpica, e para a fin de semana agárdase unha afluenza moito maior.

 

O programa de actividades de hoxe arrincará ás 11.30 horas cos pasarrúas dos gaiteiros das asociación Carcaxía e Raigañas. Ás 19.15, despois do programa da TVG, comezará o desfile da Banda de Gaitas Malante, que este ano estará acompañada por Maruxía de Laxe. E ás 22.00 horas comezará o prato forte do sábado, o concerto folk no que actuarán tres grandes da música galega: Quempallou, Treixadura e Sés.