Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica lembrou con 44 globos morados e 8 brancos ás vítimas mortais da violencia de xénero

25Nov 2018

Malpica lembrou con 44 globos morados e 8 brancos ás vítimas mortais da violencia de xénero

IMG_8801

O movemento asociativo do noso concello sumouse á convocatoria da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade para render homenaxe ás vítimas da violencia de xénero, e malia a intensa chuvia que caeu durante toda a tarde, numerosas entidades estiveron representadas no acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que celebramos onte pola tarde.

O mal tempo obrigou a modificar o programa e a trasladar ao salón de plenos todos os actos programados. 52 globos, 44 de cor morada en lembranza das mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas este ano en Galicia, e 8 brancos polos nenos e nenas que tamén morreron vítimas da violencia machista, presidiron a xornada, que comezou cun minuto de silencio na súa lembranza.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, púxolles nomes a esas 44 mulleres asasinadas, “mulleres _dixo_ con familia, cunha vida e soños por cumprir que lles foron arrebatados”. Ela foi tamén a encargada de presentar a curtametraxe Corazón amoratado, gañadora do II Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña, que se proxectou de seguido. Unha das súas guionistas, Uxía Carreira, estivo presente no acto e explicou a orixe da cinta e o significado que ten.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, pechou o acto ofrecendo algúns dos arrepiantes datos que nos deixa a violencia de xénero, “datos abrumadores e complicados de entender na sociedade en que vivimos”, engadiu. O alcalde destacou a posta de recursos de axuda ás vítimas coma o Sistema de seguimento integral de casos de violencia de xénero ou o teléfono 016, e rematou coa frase coa que tamén remata a curtametraxe proxectada onte: “Podes entregar a chave da túa vida a quen queiras, pero tamén podes cambiar de pechadura”.

A conmemoración rematou na Praza da Fonte, coa solta dos 52 globos.