gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 19°
15°
Luns 20°
17°
Martes 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas co primeiro espectáculo de monicreques de España

14Out 2018

Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas co primeiro espectáculo de monicreques de España

Captura

As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 85 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de A doncela guerreira, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, o vindeiro 21 de outubro volverá a haber monicreques no mesmo lugar que 85 anos atrás.

Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro en colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, do que xa tivemos un anticipo durante o verán co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.

A partir deste luns 15 e ata o 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.

O día 21, como hai 85 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a Cía. Pérez&Fernández representará O poder de Amabel, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 5 anos no que veremos actores e monicreques Amigurimis. O elenco está formado por Victoria Pérez e Manu Fernández (Milucho en Libro de Familia).

A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo e Cantareiras da A.C. Malante, ademais de cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.

A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e cesta infantil, e na absoluta, en trofeo e cesta de produtos de tempada.

Misions-Pedagoxicas-2018