Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. José Antonio Pardines recibe o recoñecemento dos seus compañeiros e dos seus veciños na vila na que naceu

5Xuñ 2018

José Antonio Pardines recibe o recoñecemento dos seus compañeiros e dos seus veciños na vila na que naceu

IMG_5833

Cincuenta anos despois do atentado terrorista que truncou a súa vida con só 25 anos de idade e que o converteu na primeira vítima de ETA, o garda civil José Antonio Pardines Arcay recibiu na nosa vila, que tamén era a súa, a homenaxe e o recoñecemento dos seus compañeiros do instituto armado e dos veciños e veciñas de Malpica. O seu irmán Manuel, ex-alcalde de Malpica, e a muller que o criou, a súa segunda nai, asistiron moi emocionados aos actos organizados pola Asociación Pro Garda Civil (APROGC), nos que tamén participaron o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

be32e5b0e10aabe6ce6efca935ade4ce_f21831

Despois dunha misa na igrexa de San Xulián e dunha ofrenda floral no cemiterio, a praza de Anselmo Villar Amigo foi escenario do acto central da xornada, o descubrimento dun monólito realizado pola Escola de Canteiros de Poio grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, que tamén estivo representada no acto. As carpas colocadas na praza quedaron pequenas, pero a choiva, que non cesou un segundo, non impediu que o pobo malpicán amosase a súa solidariedade.

O presidente da Asociación Pro Garda Civil, Fernando R. Trejo, abriu as intervencións agradecendo a presenza da familia de José Antonio Pardines e a colaboración tanto das deputacións de Pontevedra e A Coruña coma do Concello de Malpica, “marabillosa paraxe onde repousa o noso compañeiro José Antonio Pardines”. A APROG quixo, dalgún xeito, honrar tamén a todas as vítimas da barbarie terrorista. “Este magnífico monólito, esta obra exemplar, fará que a memoria de José Antonio Pardines sexa eterna coma a pedra de granito coa que foi construído. Hoxe –engadiu- colocamos 1.100 quilos de pedra que representan toneladas de sentimentos para homenaxear á primeira vítima de ETA”.

“Hoxe é un día para o recordo”, comezou o presidente da Deputación da Coruña. “Fronte aos que quixeron impor con pistolas as súas ideas, a unidade dos demócratas foi a clave fundamental para derrotar ao terrorismo en España. Despois de cinco décadas, gañou a democracia”, sostivo González Formoso, que apuntou que “o mellor que podemos facer polas vítimas é defender a verdade e transmitila ás novas xeracións para que aquelas páxinas negras da historia deste país non se terxivesen, non olviden e non volvan a repetirse nunca máis”, concluíu.

IMG_5798

Despois de facer un repaso ás vítimas que deixa o terrorismo de ETA no noso país, o alcalde de Malpica fixo un chamamento para nunca nos esquezamos das persoas que pagaron coa vida “a loita contra o odio e a barbarie”. Por iso, o Concello de Malpica púxose desde o primeiro momento a disposición da APROG para colaborar en todo o posible para a celebración desta merecida homenaxe. “Hoxe toca recoñecerlles e agradecerlles o intenso traballo realizado, a súa capacidade de coordinar os esforzos de diferentes institucións para rematar con este simbólico acto de lembranza dun mozo malpicán, que morreu asasinado por facer o seu traballo: defender a seguridade e a liberdade dos seus veciños”, rematou Eduardo Parga.

Próximos actos
Pero os actos de lembranza de José Antonio Pardines non rematan. Para mañá, día 6, ás 20.00 horas está prevista na Casa do Pescador a presentación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar.

Os actos do 50º aniversario do primeiro asasinato de ETA rematarán o domingo 10 de xuño con outra xornada de homenaxe organizada neste caso pola Comandancia da Garda Civil da Coruña. Comezará ás 12.00 horas cunha visita á exposición de fotografía sobre o atentado que estará aberta no Centro Cívico. Media hora máis tarde celebrarase un acto relixioso na igrexa de San Xulián, e para as 13.15 horas está programado un desfile militar e unha ofrenda floral na rúa Emilio González López e a praza Anselmo Villar Amigo.