Intensa fin de semana de peche da XI Mostra de Teatro de Malpica
Talía ofrecerá mañá venres dúas representacións e o sábado actuará o grupo local Os Amigos de Malpica
A XI Mostra de Teatro de Malpica, que está a ofrecer unha selección dos mellores espectáculos da escena galega, chegará ao seu remate esta fin de semana. Este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a Asociación Teatral Os Amigos de Malpica, a Asociación Cultural Caldeirón e o colectivo Teatro Valle Innova-Fundación Valle Inclán, está a ofrecer dez actuacións para todo tipo de públicos que están a rexistrar unha excelente acollida.
Mañá venres estará en Malpica, unha vez máis, a compañía Talía Teatro. Ás 11.30 horas representará Rosa Caramelo para os escolares de 4 a 8 anos, que non pararán de ir coas aventuras de Margarita, a única elefanta do grupo que non consigue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo.
E ás 20.30 horas continuarán as risas, aínda que tamén cun toque de drama, en Demolición, outra proposta de Talía Teatro entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión, especialmente dirixida a maiores de 13 anos.
O peche da XI Mostra de Teatro de Malpica correrá a cargo da compañía local Os Amigos de Malpica, que actuarán o sábado ás 20.00 horas. O grupo que dirixe Andrés Mourente interpretará O cantar dos cantares, unha peza cómica na que unha rexoubeira, e un crego autoritario, nunha aldea galega da década dos anos 50, queren impoñer o seu pensamento a toda a veciñanza e argallan todo tipo de estratexias para sometelos ás súas ideas.