Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Instalado no Ventorrillo un colector da ONG Equus Zebra para recoller roupa e calzado usados

16Xan 2015

Instalado no Ventorrillo un colector da ONG Equus Zebra para recoller roupa e calzado usados

O Concello de Malpica e a organización coruñesa teñen asinado un convenio de colaboración
540-f-foto

Hoxe quedou instalado no Ventorrillo un colector da ONG Equus Zebra para que os veciños e veciñas de Malpica poidan depositar roupa e calzado usados. A iniciativa enmárcase no convenio asinado hai case un ano entre o Concello e a organización coruñesa, que traballa pola integración dos inmigrantes e que desenvolve proxectos encamiñados a lograr o desenvolvemento de países empobrecidos. O seu presidente, Víctor Omgba, estivo hoxe en Malpica, onde foi recibido polo alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o tenente e alcalde, Miguel Fernández.

 

Os representantes municipais valoraron de forma moi positiva o labor solidario que desenvolve a entidade e expresaron a súa confianza na colaboración dos veciños do municipio para contribuír a ese traballo. O colector de Equus Zebra, de cor laranxa e uns 300 quilos de capacidade, está situado xunto ao Centro Cívico. Os veciños poderán depositar no recipiente roupa de vestir e do fogar, bolsos, cintos e xoguetes. A ONG aconsella a utilización de bolsas de lixo pequenas, de ata 50 litros de capacidade. A roupa debe estar limpa e seca, xa que a que ten manchas ou está húmida non pode reciclarse. Tamén pide que non se mesturen roupa e calzado ou marroquinería na mesma bolsa.

 

A ONG coruñesa recupera cada mes unhas 40 toneladas de roupa usada. Os textís son trasladados á planta de Equus Zebra no polígono da Grela, na Coruña, onde se clasifica e se revaloriza. Deste xeito, a de mellor calidade vai destinada á venda nas tendas de segunda man que a entidade ten na cidade ou a familias necesitadas. A roupa aproveitable é enviada a África para situacións de emerxencia e para proxectos asistenciais de cooperación ao desenvolvemento; a que está deteriorada véndese a empresas de reciclaxe para facer trapos, recheos para colchóns e outros produtos, e unha mínima parte, que é inservible, acaba no colector de lixo.