Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Industria tentará chegar a un acordo coa aseguradora antes de emprender a vía xudicial polos danos da balsa de Monte Neme

29Out 2014

Industria tentará chegar a un acordo coa aseguradora antes de emprender a vía xudicial polos danos da balsa de Monte Neme

No caso de xuízo, cada parte reclamará de forma individualizada
540-f-foto

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia tentará chegar a un acordo coa aseguradora AXA polos danos derivados da rotura dunha balsa mineira en Monte Neme o pasado 10 de febreiro deste ano. Así, e dado que a antiga concesionaria está en concurso de acredores, tanto a consellería como os concellos afectados, Carballo e Malpica, consideran que AXA debería facerse cargo dos gastos derivados dos danos provocados ao ser a entidade aseguradora responsable no momento do suceso. Dado que AXA rexeita asumir esta responsabilidade, barallouse a posibilidade de emprender a vía xudicial, mais a consellería tratará antes de chegar a un acordo que evite os xulgados. Esta é unha das principais conclusións da xuntanza mantida en Santiago de Compostela entre o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, Luís Lamas, con Borja Verea Fraiz, responsable da Secretaría Xeral Técnica de Industria; Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas; Isidoro Martínez Arca, Xefe Territorial da Coruña, e Francisco Conde López, conselleiro de Economía e Industria. Así mesmo, e en caso de que non prospere o acordo amigable, falouse dos pasos que se darán en caso de que a situación se dirima nos tribunais. Chegouse á conclusión de que cada parte, os concellos por un lado e a consellería por outro, deberá reclamar de forma individualizada, aínda que exista a posibilidade de chegar a un acordo para que a causa a leve o mesmo avogado e as argumentacións vaian en sintonía.

 

Por último, outro dos asuntos abordados durante a reunión foi a situación dos particulares afectados, un total de 15 entre os dous concellos. Así, expúxose diante dos responsables da Consellería a posibilidade de que os particulares tamén teñan a oportunidade de reclamar en caso de chegarse a xuízo. Os responsables da Xunta manifestaron que a cuestión será obxecto de estudo. Hai que lembrar que a rotura dunha das tres balsas mineiras de Monte Neme orixinou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga, e deixou unha greta de 10 metros de alto por catro de ancho. Máis do 70 por cento dos danos correspóndense co Concello de Malpica, no que as riadas causaron maiores danos, e o restantes foron en Razo da Costa. Os danos están cifrados en 140.758 euros e xa teñen sido abonados polos dous concellos afectados.