22Dec 2014

“É fundamental seguir aprendendo”, destaca Diego Calvo na clausura dos cursos de Servizos Sociais

O presidente da Deputación e o alcalde apostan por manter a colaboración entre ámbalas institucións de cara ao vindeiro ano
540-f-foto

“É fundamental seguir aprendendo cousas todos os días”, díxolles Diego Calvo aos participantes nos cursos de xardinería e cociña organizados pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica. O presidente da Deputación Provincial da Coruña asistiu hoxe ao acto de clausura, no que se mostrou moi satisfeito cos resultados das accións formativas e no que puido comprobar tamén a excelente acollida que tiveron entre os participantes.

 

Tanto Diego Calvo coma Eduardo Parga, alcalde de Malpica, apostaron por manter a colaboración entre ámbalas institucións de cara ao vindeiro ano. Nese sentido, o alcalde destacou que as achegas da Deputación permiten poñer en marcha actividades e programas de formación moi necesarios, “e que nós apoiamos porque cremos neles”, asegurou Eduardo Parga.

 

No acto de clausura tamén interviu a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, que agradeceu a presenza do presidente da Deputación. Entre as autoridades asistentes tamén se encontraban os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo. En representación da Asociación Integro, que se encargou de impartir as actividades formativas, participou o seu presidente, Adolfo López Baña, que puxo ao Concello de Malpica como exemplo polas súas políticas sociais, “porque pensa nas persoas que o necesitan”, manifestou.

 

Nos cursos de xardinería e cociña, destinados a persoas con diversidade funcional e a maiores, participaron un total de 37 persoas.

 

O alcalde de Malpica agasallou a Diego Calvo cunha placa e un pin do Concello, que o presidente da Deputación colocou xa na solapa. Ao presidente de Integro fíxolle entrega dunha peza de barro de Buño en agradecemento polo éxito das accións formativas. Os dous levaron como recordo tamén unha selección de fotografías.