Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 14°
12°
Mércores 14°
12°
Xoves 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Dezasete entidades colaboran para encher de actividade para todos os públicos o Nadal de Malpica

23Dec 2017

Dezasete entidades colaboran para encher de actividade para todos os públicos o Nadal de Malpica

O Concurso Escolar de Debuxo e Pintura foi a primeira actividade do Malpica Nadal, un programa cultural impulsado desde a Concellería de Educación, Cultura e Turismo coa colaboración de 17 entidades de todo tipo. As asociacións Malante, Raigañas, Carcaxía, San Xulián, Pobo Alfareiro, Viradeira de Buño, A Feira, O Brizo, Río de San Antonio, Leiloio, Amigos da Mikaela, as ANPA dos colexios Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, os propios colexios, o CRA Nosa Señora do Faro e A Galiña Azul de Aldeola xuntan esforzos para encher de actividade todo o mes de decembro e os primeiros días do ano 2018.

arbore nadal (5)

As xornadas previas ás vacacións escolares estiveron centradas na elaboración dos adornos que decoran xa a árbore de Nadal xunto á Casa do Concello. Papá Noel visitou xa o 17 de decembro a Casa dos Veciños de Leiloio, mentres que o alumnado do CEIP Milladoiro recibiu o día 20 unha visita anticipada dos Reis Magos e O Apalpador estivo este sábado na Casa da Cultura de Seaia, onde ademais actuou o mago Álex e houbo unha festa infantil con inchables.

O día de Noiteboa terá dúas citas principais: ás 18 horas, cos pasarrúas de panxoliñas das cantareiras de Malante polas rúas de Malpica, e ás 18.30 coa entrega de agasallos aos nenos e nenas na Fonte da Praza de Anselmo Villar Amigo. O día de Nadal non haberá actividade, pero o 26 volverá a animación cunha festa infantil con chocolatada incluída no pavillón do colexio de Buño. O mércores 27 repetirase a festa no pavillón de Malpica; o 29, no centro sociocultural das Pozacas, e o 30, nas escolas de Pontella.

Para Fin de Ano repetimos a San Silvestre Malpicana, con saída ás 12 horas da praza e festa con brinde incluído ao rematar. E pola noite, teremos o tradicional baile organizado pola Concellería de Servizos Sociais a partir das 23.45 horas, con uvas, cava, cotillón e a música do Dúo Café no auditorio do Centro Cívico.

O prato forte do Malpica Nadal serán as cabalgatas de Reis, que se celebrarán os días 5 e 6. A véspera do día de Reis os Magos de Oriente farán tres rutas: unha por Cambre, Buño, Cerqueda e Malpica; outra por Mens, Barizo, Seaia e Vilanova, e a terceira por Leiloio. O sábado tocaralles visita a Seaia, onde tamén haberá inchables pola tarde no campo da festa.

Concurso de debuxo e pintura

IMG_4100

Elena Blanco Barca, alumna de 6º de infantil do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, foi este ano a gañadora do premio de cartel, mentres que Candela Lema Chouciño (na foto, xunto ao alcalde), de 5º de infantil do CRA Nosa Señora do Faro, acadou o premio de pantalla dixital. O alcalde, Eduardo Parga Veiga, levoulles os seus agasallos aos coles. O terceiro galardoado foi Tristan Schurink Novo, alumno de 5º de primaria do CEIP Milladoiro e gañador do concurso de saúda de Nadal. Parabéns a todos/as os/as participantes, porque foi moi difícil escoller!

 

CARTEL NADAL DEC 17