Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Corme e Buño revalidan os seus títulos de campións da Copa da Costa de fútbol praia

24Xul 2017

Corme e Buño revalidan os seus títulos de campións da Copa da Costa de fútbol praia

O Corme e o Buño en categoría masculina e feminina, respectivamente, proclamáronse campións da II Copa da Costa de fútbol praia e ambos revalidaron o título nun areal de Canido que estivo ateigado durante toda a fin de semana.

_CBL1633

O sábado 22 de xullo era a quenda dos equipos masculinos e foron un total de nove os que participaron nesta segunda edición da Copa da Costa de fútbol praia. Na fase de grupos, Cerqueda e Ponteceso impuxeron a súa lei nos grupos A e B gañando todos os partidos que disputaron mentres que no C habería un triplo empate a tres puntos pero sería o Corme quen pasaría como primeiro clasificado pola diferenza de goles. Deses nove equipos participantes nesta categoría masculina, tan só un quedaría eliminado nesta primeira fase e ese sería o Muxía, que acabaría a competición como noveno clasificado.

Unha vez rematada esta fase inicial, darían comezo os cuartos de final desta II Copa da Costa de fútbol praia e todos os encontros disputados resolveríanse con resultados moi axustados logo de que o Cerqueda vencese ao Xallas por 3-1, o Ponteceso fixese o propio ante o Cabana por 2-1 e o Corme e o Buño superasen ao Sporting Seaia e ao Coristanco, respectivamente, na quenda de penaltis. Os vencedores destes cuartos de final pasarían a loitar por un pase á gran final, mentres que Xallas, Cabana, Sporting Seaia e Coristanco disputarían un cadro de consolación.

Xallas e Cabana disputarían unha das semifinais na que os cabaneses vencerían por 2-7 e conseguirían o pase á final mentres que na outra semifinal, o Coristanco superaría ao Sporting Seaia por 1-3. No terceiro e cuarto posto deste cadro de consolación un Xallas guiado por un gran José Ángel lograría a vitoria ante o Sporting Seaia por 4-2. Mentres que na final o Cabana e o Coristanco empatarían a dous goles e o título de campión deste cadro de consolación decidiríase dende o punto de penalti e serían os cabaneses quen estarían máis acertados dende os nove metros e proclamaríanse campións.

En canto aos trofeos individuais, o mellor porteiro foi Eusebio Pena do Ponteceso SD, quen desquiciou aos equipos rivais coas súas constantes e espectaculares intervencións, e o mellor xogador foi Manuel Torres “Cholo” da UD Cerqueda, un xogador que foi clave para levar ao equipo cerquedán ata a final.

_CBL2317

No que respecta á loita polo título, esta II Copa da Costa de fútbol praia deixounos dúas semifinais moi intensas que acabarían resolvéndose co mesmo resultado, 4-1. Por un lado, o Cerqueda vencería a un Ponteceso que deixou un gran sabor de boca durante toda a competición, mentres que o Corme faría o propio ante un Buño que foi de menos a máis. No terceiro e cuarto posto, o Buño acadaría a vitoria grazas a dous goles de Christian nun partido cunha gran deportividade entre ambos conxuntos. Na gran final, a igualdade marcou o partido entre o Cerqueda e o Corme pero un gol de Toniño no treito final do encontro resolvería a final a prol dos cormeláns e o equipo da vila do Roncudo conseguiría revalidar o título nun ateigado Canido Area.

Mentres tanto, o domingo 23 foi a quenda das rapazas, quen a pesares de que o tempo non acompañou foron capaces de encher o Canido Area dun público entregado á causa e que puido gozar do gran nivel de fútbol praia que deron os seis equipos que conformaron esta II Copa da Costa de fútbol praia feminina.

_CBL2746

No grupo A, o Corme sería o primeiro clasificado con catro puntos e estaría acompañado nas semifinais polo Sporting Seaia. Mentres que no grupo B, o Buño non daría opción aos seus rivais e acadaría dúas vitorias noutros tantos partidos disputados e o Soneira acadaría o pase ás semifinais na última xornada logo de vencer ao Atletes.
Nas semifinais, o Corme acadaría o pase á gran final logo de vencer pola mínima a un Soneira moi novo que volveu a agradar moito ao público como xa fixera na pasada edición, mentres que o Buño fixo o propio que as cormelás logo de vencer ao Sporting Seaia por 4-1 nun partido no que se enfrontaron dous equipos que se coñecen á perfección.
No que respecta ao partido polo 5º e 6º posto, o Atletes desmelenouse e mostrou a súa mellor versión ante un Fisober ao que venceu por 1-4, mentres que no encontro polo 3º e 4º posto, o Soneira repetiría o resultado da pasada edición ao vencer por 3-2 ao Sporting Seaia.

_CBL2943 _CBL2934

Na gran final, Corme e Buño disputarían un partido igualado que se decidiu nos minutos finais a prol do conxunto oleiro, o cal revalidaría o título logo de vencer ás cormelás por 2-4.

Ademais estes dous equipos coparían os trofeos individuais, xa que Cintia Arijón do Buño SCD sería nomeada a mellor xogadora do torneo e Lucía Otero do Corme CF sería a mellor porteira desta II Copa da Costa de fútbol praia.

Dende a Asociación Deportiva Vidú queren agradecerlle ao Concello de Malpica e a Alquileres Reneymar toda a confianza depositada neles para que esta II Copa da Costa de fútbol praia fose unha realidade. Ademais dende a organización amósanse moi satisfeitos tanto pola afluencia de público como pola gran participación de equipos que houbo, a cal esperan que se amplíe na vindeira edición.