Clausurado un novo curso de xardinería para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión
Os alumnos e alumnas realizaron as prácticas nos xardíns de Cambre
O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, clausuraron hoxe o curso de xardinería impartido na parroquia de Cambre para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión. No acto de entrega de diplomas tamén estivo representada a asociación Íntegro, que se encargou da formación. Os 10 alumnos, 7 homes e 3 mulleres, recibiron coñecementos teóricos e realizaron as prácticas en dúas zonas axardinadas de Cambre, a que está situada xunto á escola e ao parque infantil e a da praza da igrexa, que ofrecen un aspecto totalmente renovado con plantas axeitadas ao entorno e á época e unha base de grava de ladrillo de Buño, un material que se está estendendo ás distintos espazos verdes do municipio.
O curso, organizado polo Concello de Malpica en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, permitirá mellorar as posibilidades de inserción laboral dos e das participantes, como lembrou o alcalde, Eduardo Parga. Os asistentes amosáronse moi satisfeitos coa formación recibida, ao tempo que foron moi críticos cos autores do roubo de 12 plantas do xardín, que xa foron repostas e que os obrigou a facer un esforzo extra para ter os xardíns a punto para o último día do curso.
A concelleira Marisol Blanco, pola súa banda, animou aos alumnos e alumnas a seguir preparándose. Neste sentido, o Concello de Malpica leva impartidos entre o ano pasado e este un total de tres cursos de xardinería, que, ademais de formar a persoas con moitas dificultades de inserción laboral, permitiron acondicionar áreas verdes en Buño, Malpica e agora en Cambre.