Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
10°
Domingo 17°
11°
Luns 16°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Clausurado o programa de Envellecemento Activo, no que participaron case 50 veciños do municipio

27Nov 2014

Clausurado o programa de Envellecemento Activo, no que participaron case 50 veciños do municipio

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais expresaron a vontade do goberno municipal de darlle continuidade á iniciativa o vindeiro ano
540-f-foto

Cunha merenda saudable elaborada polos alumnos e alumnas de cociña do Centro de Recursos Íntegro rematou onte xoves a festa de clausura do programa de Envellecemento Activo organizado pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, e no que participaron case 50 veciños do municipio repartidos entre Malpica e Buño.

 

A celebración comezou con xogos e un animado baile no salón de actos do Centro Cïvico de Malpica. Xa o remate da xornada procedeuse á entrega de diplomas, un acto no que participaron o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e Adolfo López Baña en representación da empresa de economía social + Porvir, que foi a encargada de desenvolver nesta ocasión o programa de actividades.

 

Tanto as autoridades locais coma os usuarios e usuarias do programa expresaron a súa satisfacción polo traballo realizado polo persoal de + Porvir. Adolfo López Baña agradeceu a boa acollida do proxecto polos participantes e a confianza do Concello de Malpica ao outorgar á nova empresa o desenvolvemento da iniciativa. O alcalde, pola súa banda, desexou que os contidos teñan sido de utilidade e do agrado dos veciños e veciñas, e tanto el como a concelleira de Servizos Sociais manifestaron a súa intención de darlle continuidade á experiencia o vindeiro ano.

 

Nos talleres de Envellecemento Activo, que se celebraron en Malpica e Buño, participaron un total de 48 persoas. A iniciativa ofreceu aos maiores unha serie de ferramentas que lles axudarán a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballaron durante máis dun mes nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abrangueron propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións.