Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Clausurado o curso de mobiliario urbano e xardíns, no que participaron 12 persoas con diversidade funcional

19Xuñ 2018

Clausurado o curso de mobiliario urbano e xardíns, no que participaron 12 persoas con diversidade funcional

19062018 clausura_xardins

A Casa do Oleiro de Buño acolleu esta mañá a clausura do curso de Acondicionamento de mobiliario urbano e xardíns, organizado pola asociación Íntegro en colaboración cos concellos de Malpica e Cabana, dentro da convocatoria de axudas económicas da Fundación Once. Ao acto de entrega de diplomas, celebrado ás 12 do mediodía, acudiron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a xerente da empresa de Xestión Social MáisPorvir, Sandra Caamaño. Xunto a eles/as tamén estiveron presentes, a coordinadora do obradoiro, Sandra Reimúndez, e o profesor do módulo de carpintería, Antonio Botana.

Por suposto, os que non faltaron á cita foron os 12 alumnos e alumnas que participaron nesta acción formativa encamiñada a promover a igualdade, o benestar e a inclusión social de persoas con discapacidade en situación ou risco de exclusión social, e mellorar así a súa empregabilidade a través do incremento das contratacións. Un obxectivo que semella máis próximo tras o contrato laboral acadado por unha das alumnas nada máis rematar o obradoiro. As boas novas tamén se estenderon ao resto do alumnado posto que pasarán a formar parte da bolsa de traballo da empresa de economía social MáisPorvir. Neste senso, o alcalde desexoulles a todos e a todas “que moi pronto corrades a mesma sorte que a vosa compañeira logrando un emprego que vos permita o desenvolvemento dunha vida plena, independente e autónoma”.

Durante tres meses e medio e 365 horas de aprendizaxe, 12 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte formaron parte desta acción formativa, incluída no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE). Ademais das clases teóricas realizadas na Casa do Oleiro de Buño, o alumnado completou a súa formación con varias sesións prácticas de xardinería, que tiveron como escenario zonas verdes e axardinadas das localidades de Buño, Cambre e o Centro Comarcal, que en breve será reconvertido nun museo.

Ademais dos labores de mantemento, tamén se procedeu á renovación de plantas e á reparación dalgunhas bancadas que se atopaban en mal estado. Pola súa banda, as clases de carpintería desenvolvéronse no taller de Anos, cedido polo Concello de Cabana para a realización de traballos de rehabilitación, reparación e construción de equipamento urbano, tales como a instalación de novas papeleiras ou o arranxo dalgunhas balaustradas.