Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Clausurado en Buño o curso de pequenos arranxos de xardinería para persoas con diversidade funcional

16Out 2014

Clausurado en Buño o curso de pequenos arranxos de xardinería para persoas con diversidade funcional

Os alumnos do obradoiro, impartido por Íntegro, completarán en abril os traballos de acondicionamento do xardín da praza do Cruceiro
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Servizos Sociais e Obras, Marisol Blanco Gorín e Miguel Fernández, e o presidente da asociación Íntegro, Adolfo López Baña, clausuraron hoxe en Buño un curso que permitiu a formación de 11 persoas con diversidade funcional para realizar pequenos arranxos de xardinería doméstica. O rexedor malpicán expresou o compromiso do goberno municipal coas iniciativas formativas que, coma neste caso, poden contribuír a mellorar o currículo dos participantes e a facilitar a súa inserción no mundo laboral. Neste sentido, o presidente de Íntegro comentou que a xardinería é nestes momentos un dos nichos de traballo que ten detectado a entidade. Adolfo López Baña avogou pola organización doutras actividades que permitan cubrir ese baleiro, e Eduardo Parga manifestou a súa disposición a colaborar nese sentido.

 

Neste caso, o obradoiro foi subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña e durou algo máis dun mes. Ao longo deste tempo, os alumnos e alumnas recibiron formación teórica na Casa do Oleiro e realizaron prácticas no xardín da praza do Cruceiro de Buño. Ata alí desprazáronse hoxe os representantes do Concello de Malpica e da asociación Íntegro. Aínda que o cambio é evidente, o mal tempo impediu completar o proxecto, que quedará rematado nos vindeiros días. Ademais, a acción formativa inclúe unha segunda parte centrada no mantemento da nova área verde que se desenvolverá no mes de abril.

 

Miguel Álvarez, monitor do curso, destacou o traballo realizado polos alumnos e a utilización de materiais que permiten reflectir a esencia de Buño. Así, no axardinamento utilizouse grava de ladrillo, e na decoración, ánforas e outras pezas de olería. Plantas de tempada e arbustos completan a intervención realizada.

 

Despois da visita ao xardín, alumnos, autoridades e persoal municipal compartiron un aperitivo na Casa do Oleiro.