28Abr 2016

Clausurada unha nova edición de Pequeoleiros coa entrega de diplomas, unha merenda e a exposición das pezas elaboradas

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Marisol Blanco acompañaron aos escolares e ás familias no peche da actividade

pequeoleiros

Placas co nome para colocar na porta do dormitorio, taboleiros para xogar ao tres en raia, obxectos decorativos, lapiseiros… A creatividade dos máis escolares de Buño non ten límites, e durante os tres últimos meses tiveron a ocasión de darlle forma con barro no obradoiro Pequeoleiros, deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria.

Os trece escolares de tres a doce anos que participaron no taller recibiron hoxe os seus diplomas. O alcalde, Eduardo Parga; os concelleiros Miguel Fernández e Marisol Blanco; o director do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval, e o presidente da ANPA Xaviña, José Luis Villar, foron as persoas encargadas de entregarllos. Os nenos e nenas foron agasallados tamén con cadanseu lilo e cunha merenda na que non faltou de nada. Eles, pola súa banda, quixeron agradecer a paciencia do monitor, o oleiro José Antonio Corral, entregándolle unha caixa de bombóns.

A animada xornada rematou cunha visita dos convidados, entre os que se atopaban varias nais, á exposición que recolle os traballos realizados polos participantes no obradoiro.