Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Chega a Malpica a campaña “Polos teus ósos”, promovida pola Liga Reumatolóxica Galega co apoio da Consellería de Sanidade

13Out 2016

Chega a Malpica a campaña “Polos teus ósos”, promovida pola Liga Reumatolóxica Galega co apoio da Consellería de Sanidade

O día 20 chegará a Malpica a campaña “Polos teus ósos”, unha iniciativa da Liga Reumatolóxica Galega que conta coa certificación de campaña de interese socio-sanitario por parte da Consellería de Sanidade. O reumatólogo Carlos Fernández, do Chuac; a psicóloga María López García e a terapeuta ocupacional Lucía Fernández Caamaño, ámbalas dúas da Liga Reumatolóxica Galega, falarán ás 19 horas, no Centro Cívico, sobre artrite, artrose, espondilite, lupus, fibromialxia, lupus e osteoporose. A Liga Reumatolóxica Galega lembra que o 40 % da poboación galega sofre algunha destas patoloxías, de aí a importancia destas campañas de información e prevención.

CARTEL CHARLA MALPICA

A campaña “Polos teus ósos” enmárcase en Malpica dentro do Programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, aínda que a sesión formativa do día 20 está aberta a toda a poboación.

Este ano participan no Programa de Envellecemento Activo, xestionado pola empresa de economía social Máis Porvir, un total de 50 persoas, repartidas practicamente a partes iguais entre Buño e Malpica.

Os obxectivos do programa son os seguintes:

  • Previr o deterioro cognitivo a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal.
  • Ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de xeito que se optimicen as relacións das persoas participantes no obradoiro co seu entorno.
  • Aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s.
  • Previr o deterioro físico e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar.
  • Realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina.
  • Fomentar o consumo saudable.
  • Previr o deterioro físico a través do exercicio ao tempo que se fomenta o coñecemento das diferentes músicas típicas dos países escollidos.
  • Dotar ás persoas participantes de ferramentas coas que mellorar o seu autoconcepto e as súas relacións persoais.
  • Dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa.
  • Ofrecer os beneficios das augas termais para a mellora das diferentes patoloxías das persoas participantes.

Para acadar eses obxectivos desenvolveranse unha serie de actividades de estimulación cognitiva, xogos de mesa e campionatos, corpo e mente en movemento, taller afectivo sexual, obradoiro de mantemento físico con pilates, cachibol, elaboración de xabóns, recuperación de receitas tradicionais, elaboración menú e degustación conxunta, charla de reumatoloxía, balneario e festa de clausura.