Cultura

22Mai 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas incluirá este ano unha homenaxe a Paco Souto

Este ano o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas será especial porque, como lembrou hoxe Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, “é a primeira vez que o celebramos sen Paco Souto”. O que foi secretario de Caldeirón e un dos principais impulsores do premio, faleceu o pasado 30 de marzo, e tanto os seus compañeiros e compañeiras da asociación como o Concello de Malpica queren dedicarlle dalgún xeito esta 12ª edición. Con esa intención, segundo anunciou o presidente de Caldeirón na presentación do certame, que tivo lugar hoxe no Centro Cívico, coincidindo coa Cea das Letras, no mes de novembro, celebrarase unha homenaxe a Paco Souto.

POESIA EROTICA 22 MAIO (6)

Unha das propostas que se barallaron foi o cambio de nome do propio certame, pero Paco de Tano explicou que finalmente desestimouse “porque a fin de contas foi el o que lle puxo o nome de Illas Sisargas”. Do papel fundamental que xogou Paco Souto na historia do certame falou tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e nese sentido considera que é preciso lembrar a súa figura.

Do mesmo xeito que Paco de Tano manifestou a intención da Asociación Cultural Caldeirón de manter o premio, o alcalde de Malpica expresou o compromiso do Concello de seguir colaborando como ata agora. “O certame de poesía erótica ten o noso apoio total porque cremos nesta iniciativa e esperamos que siga indo a máis, como ata agora”.

O prazo de inscrición está aberto  ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, na primeira fin de semana de novembro, e na que tamén se fará a presentación pública da obra gañadora na pasada edición. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros. Consulta as bases completas pinchando aquí.

BASES XII CERTAME DE POESIA ERÓTICA ILLAS SISARGAS 2017

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
1Mai 2017

Malpica entra “Nos Tempos das Letras” con exposicións, contacontos, teatro, música e actividades literarias

Malpica entra “Nos Tempos das Letras” cun programa que inclúe propostas para todos os públicos e que abrangue diferentes manifestacións culturais. Durante cinco semanas, todos os venres ás 18 horas os máis pequenos da casa están chamados a participar nos “Venres na biblioteca”, que comezarán o 5 de maio co espectáculo de Gloria Mosquera “As aventuras de Mamá Cabra”, para nenos/as de 2 a 10 anos. O día 12 escoitarán os “Contos nacidos do mar” de Raquel Queizás, e o 19 chegará “A nosa música con Jorge e María”, ámbolos dous recomendados a partir de 3 anos. Para rapaces e rapazas de 5 a 12 anos, Ghazafelhos traerá o espectáculo “Camiñando entre estrelas” o día 26 de maio, e para rematar, para o 2 de xuño reservamos as historias de “Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica”, con BocAberta.

Do 8 ao 31 de maio estará aberta, tamén na biblioteca, unha exposición sobre Carlos Casares, protagonista do cartel anunciador do programa. A literatura estará moi presente “Nos Tempos das Letras” grazas á colaboración da Asociación Cultural Caldeirón, que o luns 22 de maio presentará o XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas (Centro Cívico, 12 horas), e o 3 de xuño convídanos á presentación da publicación “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias (Casa do Pescador, 20 horas).

O 3 de xuño tamén será o día do teatro, co maratón de fin de curso a cargo do Obradoiro de Animación Teatral do Concello de Malpica. A partir das 18 horas, no auditorio do Centro Cívico, representará “O punto e final”, “Unha de bruxas”, “Margarida, a filla de Don Importante” e “Acampada no cemiterio”.

No programa “Nos Tempos das Letras”, organizado pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo, tamén colaboran a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

CARTEL NOS TEMPOS DAS LETRAS 17

 

11Abr 2017

Artesanía, música e relixiosidade na Semana Santa de Malpica

Na Semana Santa de Malpica non falta de nada. Mesmo o bo tempo semella estar garantido, segundo as previsións de Meteogalicia, o que axudará ao bo desenvolvemento das actividades organizadas directamente polo Concello ou por diversas entidades coa colaboración municipal.

Ruta guiada Olería de Buño

A artesanía ten un peso específico no programa, comezando pola ampliación do horario de apertura do Ecomuseo do Forno do Forte de, que poderá visitarse ata o sábado de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo de 10 a 14 horas. En colaboración coa Asociación Oleira de Buño terán lugar o venres e o sábado as Rutas guiadas pola Olería de Buño, que inclúen un percorrido explicativo polos fornos visitables, guiado por Antonio Pereira “O Rulo”, e outro paralelo de fotografía. Tanto o día 14 como o 15 haberá unha ruta de 11.30 a 13.30 horas e outra de 17 a 19 horas.

Pola súa banda, a asociación de redeiras O Fieital ofrece visitas guiadas individuais e para grupos, previa reserva no teléfono 617 695 230. E para quen queira saber máis sobre a vila de Malpica recomendamos as rutas temáticas urbanas Tras os pasos de Lugrís (saída da praza Villar Amigo), Balcón das Sisargas (paseo do Caldeirón) e Balcón do porto (Casa do Pescador), con audioguías.

FESTA XUVEN

A música tamén estará moi presente na Semana Santa de Malpica, comezando o xoves 13 coa 5ª edición da Festa da Xuventude, que reunirá ás orquestras New York e Bomba e a discoteca móbil CDC nunha velada que se prevé multitudinaria. O venres teremos tamén sesión vermú no centro da vila con MCarballo Banda, o grupo do ourensán Manuel Carballo, guitarrista e compositor con máis de 30 anos de experiencia, que colaborou con grupos e músicos galegos como Miguel Costas, Cristina Pato ou Magín Blanco, e que presenta agora novo traballo discográfico cun estilo moi persoal. A súa estancia en Malpica prolongarase ata o sábado, cunha nova actuación pola tarde, tamén ao aire libre.

E polo que se refire á celebración relixiosa, o acto central será a procesión do Venres Santo, que sairá ás 20 horas dende a igrexa de San Xulián acompañada pola Banda de Gaitas Malante.

9Abr 2017

As Torres de Mens abriron as súas portas para recibir a un grupo de excursionistas do municipio de Cambre

VISITA TORRES MENS 9 ABRIL 2017 (8)

As Torres de Mens abriron hoxe as súas portas ao público, excepcionalmente, para recibir a un grupo de máis de corenta excursionistas procedentes do municipio coruñés de Cambre. A visita foi xestionada polo departamento de Educación, Cultura e Turismo do Concello de Malpica, que contactou co propietario do BIC (Ben de Interese Cultural), Agustín Ordóñez, quen, ademais de abrir a súa residencia, exerceu como guía. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, agradeceu a hospitalidade do dono das torres achegándose tamén ata a histórica fortaleza e facéndolle entrega dun conxunto de pezas tradicionais de Olería de Buño.

VISITA TORRES MENS 9 ABRIL 2017 (4)

A viaxe a Malpica forma parte do programa de actividades da Oficina de Información Xuvenil de Cambre, que cada mes organiza unha excursión a un concello galego para coñecer novas rutas de sendeirismo, visitar algún recurso turístico (neste caso, as Torres de Mens) e ofrecer aos mozos e mozas a posibilidade de practicar actividades diferentes. En Malpica, ademais de percorrer un treito do Camiño dos Faros, asistiron a un curso de pesca e pola tarde levárono á práctica.

As Torres de Mens son un conxunto amurallado composto por vivenda e tres torres de planta cadrada. No último andar dunha delas sobresae un balcón corrido de madeira, apoiado sobre ménsulas de pedra. Pertenceron aos Condes de Altamira, e no ano 1467 quedaron parcialmente derruídas. No ano 1988, o seu propietario, Agustín Ordóñez, encargoulle a rehabilitación ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto, un traballo que recibiu o premio Europa Nostra no 1993.

1Abr 2017

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa coa finalidade de converterse nun recurso de referencia para as persoas que visiten a nosa comarca durante eses días. Deste xeito, dende o luns 10 ata o sábado 15 o ecomuseo estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 15 poderá visitarse de 10 a 14 horas.

O Forno do Forte consta de 11 estruturas distribuídas arredor do forno -que é a peza central-, como o cabanote, o hórreo, a administración, a taberna, a tenda, a exposición agrícola e as vivendas dos oleiros. Durante todo o horario de apertura ao público, á parte de visitar as instalacións, o público poderá ver o traballo do oleiro Antonio Corral no torno.

VISITA LOS ROSALES (2)O Concello de Malpica aproveita a celebración dos Días Europeos da Artesanía, esta fin de semana, para convidarvos a visitar o Forno do Forte e a vila de Buño. Precisamente hoxe recibimos dúas visitas moi interesantes, unha organizada pola Fundación Eduardo Pondal e outra dun grupo de veciños e veciñas do barrio coruñés dos Rosales (adxuntamos foto), que tamén percorreron a vila de Malpica e quedaron a xantar na Casa da Cultura de Seaia. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández exerceron como anfitrións.

1Mar 2017

Gran competitividade no Concurso de Doces, que encheu de sabores o Martes de Entroido en Malpica

O Concurso de Doces non só é unha cita consolidada dentro da programación do Entroido, senón que cada ano gaña en calidade, variedade, sabores e, en consecuencia, en competitividade. O xurado, integrado por representantes do Concello de Malpica e das entidades colaboradoras, tivo moitos problemas para escoller os premios entre as distintas preparacións presentadas, entre as que este ano destacaron os doces máis típicos da época.

MAGDALENAS DE POMPEYA-1 PREMIO INFANTIL-MAR AMADOBOLAS DO DRAGON ZETA - 2 PREMIO INFANTIL - BRAIS CASAL BIZCOCHO GALACTICO - 3 PREMIO INFANTIL - NOELIA SILVA

Na categoría infantil, para nenos e nenas menores de 14 anos, os tres premios foron, por esta orde, para as “Magdalenas de Pompeya” de Mar Amado Chouciño, as “Bolas do dragón Zeta” de Brais Casal e o “Bizcocho galáctico” de Noelia Silva.

ROCAS DE AMENDOA - 1 AMATEUR - Mª JOSE RECAREY CHOUCIÑONa categoría amateur o doce mellor valorado polo xurado foron as “Rocas de améndoa” de María José Recarey; mentres que o segundo premio foi para o “Flan de coco” de Ana Rama e o terceiro, para a “Tarta de oreo” de Isabel Camiño. En canto á categoría profesional, destinada a establecementos de hostalería, o xurado galardoou en primeiro lugar as “Rosquillas” da Cafetería JB, seguidas da “Tarta de limón” de O Cachón e a “Tarta de queixo e vainilla” de Casa Antonio.

O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, achegáronse ata o pavillón malpicán para participar na entrega de agasallos, pezas de Olería de Buño e “chuches” para os nenos e as nenas. Co Concello de Malpica colaboraron a Asociación de Redeiras Mar da Illa, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a ANPA Ventorrillo, que paralelamente celebrou a súa tradicional festa infantil con inchables e obradoiros.

 

27Feb 2017

“Malpica nos anos 50”, gañadora do concurso de comparsas

En Malpica queremos ofrecer o Entroido máis doce, e por iso, á parte do tradicional Concurso de Doces que celebramos hoxe, como todos os Martes de Entroido, no concurso de comparsas do domingo houbo “chuches” para todos os nenos e nenas participantes, e “A Vaca”, gañadora do certame na categoría infantil, levou unha cesta ben completiña.

Entroido 2017

Para os maiores, e como tamén é tradición, os galardóns consistiron en cestas cheas de produtos típicos de Entroido, incluídos o lacón e os grelos. O primeiro premio foi para a numerosa “Malpica nos anos 50”; o segundo, para “O lobo e as ovelliñas”; o terceiro, para “Guardia Civil”, e o cuarto, para “Familia Mickey”. O concurso de comparsas encheu de animación e diversión a nosa vila.

19Feb 2017

Malpica celebra o mellor Entroido da volta

CARTEL ENTROIDO  17

Co cocido da Asociación Cultural Raigañas entramos oficialmente no tempo de Entroido en Malpica. Serán dúas semanas repletas de actividades organizadas polo Concello en colaboración cunha ducia de entidades: Asociación Cultural Malante, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, Asociación de Redeiras Mar da Illa, Asociación Cultural Carcaxía, A.C.D. San Xulián, A.V. C. S. O Brizo, Asociación Cultural Raigañas, Asociación de Amigos da Mikaela, A. VV. de Leiloio, Asociación de Amas de Casa e pubs de Malpica.

O programa inclúe obradoiros, pasarrúas, concursos de disfraces, festas infantís, animación de rúa, degustacións, bailes e citas tan tradicionais coma o Concurso de Comparsas (domingo 26), Concurso de Doces de Entroido (martes 28), a Mikaela de Buño (sábado 4 de marzo), o percorrido dos Madamitos e Ghuardineros por Cerqueda, e os enterros do Faustino e o Farruco (domingo 5).

Descarga aquí o programa completo: FOLLETO ENTROIDO 2017

4Feb 2017

Abre o prazo de inscrición para o Concurso de Doces de Entroido organizado pola Concellería de Cultura

A Concellería de Cultura abrirá mañá o prazo de inscrición para o Concurso de Doces de Entroido, que cumpre 16 anos. As persoas interesadas en participar poden anotarse ata o 27 de febreiro ás 15.00 horas, ou ben no Departamento de Educación e Cultura (Centro Cívico) ou ben en calquera das entidades colaboradoras, que son a Asociación de Redeiras Mar da Illa, a ANPA Ventorrillo e a Asociación de Amas de Casa de Malpica.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

As bases establecen tres categorías: profesional, para locais de hostalería e restauración; amateur, para particulares e asociacións, e infantil, para menores de 14 anos. En cada unha delas entregaranse tres premios e trofeos, pero todos os participantes recibirán un detalle conmemorativo. Cada participante poderá presentar todas as especialidades que desexe, pero a cantidade mínima de cada unha será dunha ducia, no caso de unidades, ou medio kilo. Os doces serán cedidos para a degustación posterior ao concurso, que se celebrará o martes 28, no pavillón polideportivo de Malpica, a partir das 15.30 horas. O xurado estará composto por representantes do Concello, entidades colaboradoras e/ou medios de comunicación, e terá en conta tanto a presentación coma o sabor.

29Xan 2017

O Concello envía exemplares de “Os bolechas van á Mostra da Olería de Buño” a 26 colexios e 7 bibliotecas da comarca

web5

Sete bibliotecas e 26 centros escolares da comarca de Bergantiños están a recibir estes días exemplares de “Os bolechas van á Mostra da Olería de Buño”, un agasallo da Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que dirixe Noelia Freijeiro Novo, para que os nenos e nenas de toda a comarca poidan desfrutar coas aventuras dos populares personaxes no noso concello.

A publicación, que foi presentada o pasado mes de agosto coincidindo coa visita dos bolechas corpóreos a Buño, fai un percorrido pola nosa tradición artesá e por algúns dos principais atractivos turísticos do municipio de Malpica da man de Carmiña, unha pequena oleira que se converte en protagonista e fío condutor da historia.

Página 10 de 11« Primera...7891011