Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

16Set 2017

Cincuenta persoas participan este curso nos talleres de manualidades para persoas maiores ou con diversidade funcional

A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o alcalde, Eduardo Parga, inauguraron os talleres de manualidades para persoas maiores ou con diversidade funcional, nos que este ano participan 50 persoas: 23 no obradoiro de maiores de Malpica, 19 no de Buño e 8 no destinado a persoas discapacitadas. A Concellería de Servizos Sociais aposta un ano máis por esta actividade dada a boa acollida que ten entre a poboación, sobre todo feminina, e o importante papel que xoga para que os colectivos aos que vai dirixida manteñan unha vida social activa.

Os obradoiros celebraranse no Centro Cívico de Malpica e na Casa do Oleiro de Buño cos seguintes horarios:

  • Manualidades Terceira Idade en Buño: os mércores e os venres, de 15:45 a 17:45 h. (Casa do Oleiro)
  • Manualidades Terceira Idade en Malpica: os martes e venres, de 16:00 a 18:00 h. (Centro Cívico)
  • Manualidades para persoas con diversidade funcional: os luns e venres, de 10:30 a 12:30 h. (Centro Cívico)

Actividades da Concellería de Cultura
Do 18 ao 29 de setembro, por outra banda, estará aberto o prazo de inscrición para os obradoiros que organiza a Concellería de Educación, Cultura e Turismo. O departamento que dirixe Noelia Freijeiro aposta tamén polas manualidades, tanto para nenas como para adultas. As persoas de 15 a 55 anos poderán participar a partir do 5 de outubro nas sesións semanais que se levan a cabo no Centro Cívico. Este ano serán os xoves de 18.30 a 19.30 horas, e a cota será de 11 euros ao mes.

Tamén haberá manualidades infantís, para nenas e nenos de 3 a 14 anos. Neste caso crearanse catro grupos en Malpica, que iniciarán a actividade o 4 de outubro ás 16 horas, e un en Buño, que se poñerá en marcha o 2 de outubro ás 17 horas. A cota é mensual, 11 euros, e inclúe unha sesión semanal dunha hora de duración.

Para os pequenos da casa a EMAE (Escola Municipal de Actividades Escénicas) tamén organiza obradoiros de animación teatral. Haberá catro grupos en Malpica (de 4 e 5 anos, de 6 a 8, de 9 a 12 e maiores de 12), e un en Buño (6 a 12 anos). O custe mensual é de 16,29 euros, pero os rapaces que asistan aos talleres de teatro e manualidades terán cota reducida e pagarán 19.54 euros ao mes polas dúas actividades.

Máis información e inscricións no Departamento de Cultura, no Centro Cívico ou no teléfono 981 707 104.

14Set 2017

Rematada a limpeza da Finca da Señorita de Buño, que o Concello de Malpica executou de maneira subsidiaria

O Concello de Malpica vén de rematar os labores de limpeza da coñecida como Finca da Señorita, unha propiedade situada na rúa Santa Catalina Buño que, debido ao seu estado de abandono e á proliferación da maleza, representaba un foco de insalubridade e un risco potencial de incendio. O Concello encargouse dos traballos de despois de realizar varios requirimentos á propiedade que non obtiveron resposta e de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña autorizase a execución subsidiaria. No entanto, serán os titulares da propiedade os que terán que pagar os 16.359 euros que se investiron no acondicionamento da finca.

A veciñanza de Buño levaba moito tempo reclamando a limpeza do solar á vista dos riscos que representaba, con maleza que invadía toda a finca e mesmo o nobre edificio que constitúe a peza central da Finca da Señorita e que, por falta do mantemento adecuado, atópase moi deteriorado. Tras un longo proceso debido á inacción da propiedade e á necesidade de recorrer aos tribunais, foi posible acometer a limpeza.

14Set 2017

Protección Civil retirou nos últimos seis meses un total de 50 niños de avespa asiática

NIÑOS VELUTINA (3)

O Concello de Malpica está a loitar contra a invasión da avespa velutina grazas ao traballo que desenvolve a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e á colaboración da Xunta de Galicia mediante a achega de material. Nos últimos seis meses, segundo o balance que vén de presentar o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, foron retirados un total de 50 niños no noso concello. O servizo municipal actuou nas parroquias de Barizo (4 niños) Buño (11), Cambre (5), Cerqueda (16), Leiloio (7), Malpica (3) e Mens (4).

A Agrupación de Protección Civil dispón dunha pértega, entregada no pasado mes de xullo ao Concello de Malpica pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e de traxes específicos para a loita contra a avespa asiática. As persoas que localicen un niño deben chamar ao 112 ou ao 012.

12Set 2017

A II Carreira Pedestre e a Travesía a Nado converteron Malpica na capital deportiva da Costa da Morte

CARREIRA PEDESTRE

O podio cos gañadores da 10K

O deporte volveu a demostrar durante a fin de semana o seu gran poder de convocatoria. Malpica converteuse na capital deportiva da Costa da Morte cunha intensa xornada dominical na que coincidiron a Travesía a Nado Malpica-Sisargas, celebrada o día 10 despois de dous aprazamentos polas malas condicións do mar, e a II Carreira Pedestre Concello de Malpica, que tamén discorreu polo litoral. Ademais, aínda que os participantes na travesía embarcaron no porto e os da carreira saíron da praza de Anselmo Villar Amigo, ámbalas dúas probas tiveron as súas metas na praia, onde se congregou numeroso público.

carreira 2017 (4)

A gañadora recibiu felicitacións á súa chegada á meta

Cristian Muíño, de Coristanco, proclamouse campión absoluto da proba 10K, ao completar o percorrido en 35 minutos e 49 segundos. Ao máis alto do podio subiu tamén Eva Isabel Babiano, campioa da 10K feminina, cun tempo de 46 minutos e 20 segundos. Na carreira de 5 quilómetros, os gañadores foron Manuel Rendo e Alicia García. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín, que foi ademais un dos participantes na proba, entregaron os trofeos aos tres primeiros e ás tres primeiras de cada categoría.

A mañá do domingo en Malpica foi emocionante por partida dobre. De novo as malas condicións do mar obrigaron á organización a reaccionar, nesta ocasión recortando o traxecto a 3,100 quilómetros. O primeiro en chegar á praia foi Alexandre Lages, de Ribeira, despois do auténtico espectáculo que supón tanto a ida nas embarcacións desde o porto ata as Sisargas como o feito de ver a máis de cen nadadores a un tempo no mar, acompañados en todo momento polos servizos de emerxencias e voluntarios en todo tipo de embarcacións.

7

12Set 2017

Últimos días de inscrición para os talleres de manualidades para persoas maiores ou con diversidade funcional, que empezarán o 15

A partir do día 15 empezarán, un ano máis, os talleres de manualidades para a terceira idade e para persoas con diversidade funcional que organiza o Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais, no Centro Cívico, ou chamar ao 981 720 280.

Os obradoiros celebraranse no Centro Cívico de Malpica e na Casa do Oleiro de Buño cos seguintes horarios:

  • Manualidades Terceira Idade en Buño: os mércores e os venres, de 15:45 a 17:45 h. (Casa do Oleiro)
  • Manualidades Terceira Idade en Malpica: os martes e venres, de 16:00 a 18:00 h. (Centro Cívico)
  • Manualidades para persoas con diversidade funcional: os luns e venres, de 10:30 a 12:30 h. (Centro Cívico)

O departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín aposta un ano máis por este tipo de formación dada a boa acollida que ten entre as participantes, maioritariamente mulleres.

manualidades maiores

11Set 2017

O balance de visitas ao Ecomuseo Forno do Forte confirma o importante tirón turístico do noso concello

Forno do Forte

O balance das visitas que recibiu este verán o Ecomuseo Forno do Forte vén confirmar o importante o gran potencial turístico do noso concello. Nos últimos dous meses pasaron polo complexo etnográfico un total de 8.786 persoas: 2.154 en xullo e 6.632 en agosto. Un dos factores que influíu de maneira máis decisiva nesta notable diferenza entre ámbolos meses foi a Mostra da Olería, que, tal como indica Paco Doval, xerente do ecomuseo, “ten un tirón indiscutible que atrae a gran cantidade de público interesado na nosa artesanía”.

Desde o Forno do Forte realizan un balance positivo do verán, que é a época de maior actividade turística na contorna, e destacan que este ano non só se rexistrou un incremento de visitantes, senón tamén un maior número de excursións organizadas por empresas turísticas, asociacións e institucións. En xeral percíbese un maior interese dos turoperadores pola nosa comarca, aínda que a maioría dos visitantes continúan sendo grupos familiares ou de amigos.

Procedencia dos visitantes

En canto á procedencia do público do Forno do Forte, o 23,44% dos visitantes procedían de fóra de Galicia. Case un terzo, de Madrid, que é a comunidade con máis peso, seguida das provincias de Barcelona, Sevilla e Valencia. De feito, este ano detectouse un incremento importante de turistas procedentes de Andalucía e do Levante, que xa empezaron a destacar nas estatísticas do verán anterior. Deste xeito parece consolidarse o interese dos habitantes do sur e do leste do país por Malpica en particular e pola Costa da Morte en xeral.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Con respecto ao público estranxeiro, supuxo o 5,39% dos visitantes do ecomuseo, cun claro dominio dos turistas procedentes de Francia, que representan algo máis do 35% do total, seguidos por ingleses, suízos, alemáns e estadounidenses. Diminúen os visitantes suramericanos e aumentan os europeos. Neste sentido destacamos a presenza de turistas rusos, que ata este ano practicamente eran inexistentes.

O 81,17% restante de visitantes foron galegos, dominando claramente os procedentes da comarca e do resto da Costa da Morte. As cidades da Coruña, Vigo e Santiago tamén achegan unha parte importante dos turistas, así como as Rías Baixas.

En xeral, o visitante do Forno do Forte amosa gran curiosidade por coñecer a vida tradicional dos oleiros e como eran as súas vivendas, e gozan especialmente coa demostracións do oleiro do ecomuseo ou facendo as súas propias pezas no torno.

8Set 2017

Oito locais de hostalería participarán na fin de semana do 22 ao 24 deste mes na 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

A Concellería de Promoción Económica e o sector hostaleiro de Malpica volven a unir as súas forzas para desenvolver unha iniciativa conxunta que enlazará tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalería e a olería. A 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar celebrarase na fin de semana do 22 ao 24 deste mes, segundo se acordou na xuntanza celebrada este xoves, poñendo fin deste xeito a un verán de récord turístico na nosa vila.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraranse no Ecomuseo do Forno do Forte pratos artesanais que se repartirían entre os 8 establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar e O Pescador.

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar arrancará o venres. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. As tapas custarán 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un rasca que lle permitirá obter premios directos.

Iniciativa dos hostaleiros

Ao longo do mes de setembro continuará a actividade en Malpica grazas á iniciativa dun grupo de hostaleiros para dinamizar as noites dos sábados. Deste xeito, o día 16 actuará na praza o Trío Platino; o 23, coincidindo coa ruta de tapas, os gaiteiros de Malante farán un percorrido polos locais, e o 30 tocará de novo na praza o Dúo Café.

7Set 2017

O Concello de Malpica convida por segundo ano á hostalería local a participar nunha ruta de tapas de temática pesqueira

HUMBOLDT

Despois do éxito acadado o ano pasado, a Concellaría de Promoción Económica de Malpica fai un novo convite á hostalería local para celebrar a segunda edición da ruta de tapas Malpica Sabe a Mar, unha iniciativa que naceu para impulsar o turismo enogastronómico e poñer en valor as tradicións pesqueira e oleira do noso concello.

A concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, mantivo un primeiro encontro co sector no que a práctica totalidade dos hostaleiros e hostaleiras que participaron na anterior edición expresaron a súa intención de repetir. De todos os xeitos, hoxe xoves celebrarase unha nova xuntanza ás 17.30 horas, na Casa do Concello, á que poden asistir todos os interesados.

TAPAS 1

Malpica sabe a Mar diferénciase doutras iniciativas semellantes porque inclúe os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que inclúe a ruta é a olería, xa que para a ocasión volverán a elaborarse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.

5Set 2017

Os campións mundiais demostraron a súa superioridade no I Master Futbolín Malpica, que reuniu aos mellores xogadores do país

PEDRO - JUANDI GANADORES MOVEMENTO PRO

Pedro e Juandi, gañadores absolutos en Movemento

A parella formada por Pedro e Juandi, posuidora do título do Campionato Mundial de Futbolín e Punta Umbría, demostrou no I Master Futbolín Malpica a súa superioridade, no que se proclamaron gañadores da categoría Pro, que equivale á primeira división do futbolín, na modalidade de movemento. Na categoría máster os campions foron Lupi e Pérez. Na modalidade de parado, os campións absolutos foron Alberto e Merose, mentres que en máster impuxéronse Unai e Albano.

Oitenta parellas de toda España participaron durante a fin de semana no I Master Futbolín Malpica, unha iniciativa conxunta de Recreativos A Velas Vir, Tsunami Futbolín e A.D. A Pedreira na que colaborou o Concello de Malpica. O porto converteuse no escenario dunha competición que nos permitiu ver en acción ás mellores parellas do país, e que volveu a encher de animación a nosa vila despois dun mes de agosto de récord. Os concelleiros Iago Espasandín e Miguel Fernández, xunto cos membros da organización, foron os encargados de entregar os trofeos aos gañadores.

2Set 2017

O turismo disparouse no mes de agosto en Malpica, que recibiu o dobre de visitantes que en xullo

OFICINA TURISMO (9)

Desde que abriu as súas portas, a primeiros de xullo, a nova oficina de información turística de Malpica, situada na planta baixa da casa consistorial, atendeu a un total de 3.785 visitantes. A esta cifra habería que engadir todas as persoas que pasaron pola instalación para recoller rueiros ou folletos informativos pero que non solicitaron información da técnica de Turismo que atende o servizo. En calquera caso, os números reflicten o tirón do noso concello. Agosto é o mes vacacional por excelencia, como demostran as 2.534 visitas rexistradas, fronte ás 1.251 de xullo.

O turismo nacional é maioritario. Madrid é a comunidade de procedencia do groso dos visitantes, seguida de Cataluña, Galicia, País Vasco, Valencia, Castela-León, Aragón e Andalucía. A maioría dos visitantes chegan a Malpica en coche, e en menor medida desprázanse en caravana, furgoneta, autobús, bicicleta e incluso a pé. En xullo houbo máis veraneantes que viaxaban en parella, mentres que o turismo de agosto é máis familiar con nenos. En canto aos visitantes estranxeiros, este verán supuxeron o 12%, e visitáronnos máis en xullo ca en agosto.

Entre os usuarios da oficina de turismo non só se encontran as persoas que se aloxan no noso concello, e que supoñen aproximadamente a metade das persoas atendidas, senón moitas que se atopan de paso ou que veranean noutras vilas galegas pero queren coñecer Malpica. Polo que se refire á información máis demanda, as persoas que visitan o noso concello queren saber que ver, onde comer e que rutas de sendeirismo poden realizar, tanto en Malpica como no resto da Costa da Morte.

A oficina de turismo está aberta de martes a sábados, en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 18.30.

Página 72 de 149« Primera...102030...7071727374...8090100...Última »