Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

12Out 2017

O Concello organiza para o 10 de novembro unha xornada informativa cun dos principais expertos na vespa asiática

O Concello de Malpica non só está a realizar un importante esforzo na loita contra a invasión da avespa asiática, senón que tamén quere incidir na información e na formación. Nesa dirección vai orientada a xornada divulgativa que se celebrará o vindeiro 10 de novembro, e que, grazas ás xestións realizadas polo alcalde, Eduardo Parga, contará coa intervención de Lolo Andrade, técnico de protección civil na loita contra a velutina e que está considerado como un dos principais expertos nesa especie invasora.

XORNADA VELUTINA

Ao mesmo tempo, desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil continúa traballándose na retirada de niños, que xa superan o medio cento no que vai de ano. A agrupación que coordina Iván Muiño dispón xa dunha pértega e de traxes específicos para a loita contra a avespa asiática facilitados pola Xunta de Galicia, e nestes momentos está a preparar novo material para poder chegar aos niños situados a moita altura e en lugares aos que non pode accederse en vehículo.

10Out 2017

Máis de 80 persoas de todas as idades participan este curso nos talleres de manualidades do Concello de Malpica

Un total de 82 persoas participan este curso nos talleres de manualidades organizados polo Concello de Malpica a través das concellerías de Cultura e Servizos Sociais.

INAUGURACION MANUALIDADES INFANTIL

Grupo infantil de manualidades

As actividades, que foron poñéndose en marcha nos últimos días, reúnen a persoas de todas as idades, desde nenas e nenos de tres anos ata maiores. Precisamente son estes últimos os que integran os grupos máis numerosos. O de Malpica, que ten como monitora a Lucía Villanueva, está formado por 25 persoas, e o de Buño, dirixido por Chelo García, conta con 15 alumnas. Os dous foron inaugurados polo alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que reiteraron o seu compromiso cunha actividade que ten tanta demanda. Tamén asistiron ao comezo das clases para persoas con diversidade funcional, cun total de 10 participantes.

MANUALIDADES ADULTAS

Grupo de adultas

Pola súa banda, o departamento que dirixe Noelia Freijeiro completa a oferta con obradoiros dirixidos a nenos/as e adultos/as. Con entusiasmo e ganas de aprender cousas novas comezaron os 20 rapaces e rapazas de tres a dez anos de idade que teñen unha cita todas as semanas no Centro Cívico, e as últimas en incorporarse foron as 12 integrantes do grupo de adultas, que tamén chegaron con moitas ideas para desenvolver ao longo do curso.

Teatro
A oferta de actividades culturais inclúe tamén os obradoiros de animación teatral da Escola Municipal de Actividades Escénicas, que dirixe Silvia Losada no Centro Cívico e na que este ano participarán unha vintena de nenas e nenos divididos en grupos segundo as súas idades.

8Out 2017

O Concello de Malpica xestionou a posta en marcha dun servizo de atención aos veciños que teñen problemas co sinal de televisión

881 866 388

Os veciños de Malpica que teñen problemas co sinal de televisión dispoñen agora dun servizo telefónico no que se centralizarán todas as queixas para intentar determinar a orixe do problema e adoptar as medidas precisas para solucionalo. Grazas a este novo servizo, que entra en funcionamento despois de numerosas xestións realizadas polo alcalde, desde o goberno municipal agardan que poida poñerse fin ás deficiencias das que se veñen queixando varios veciños e veciñas.

O problema comezou no ano 2015. A raíz das protestas recibidas, o alcalde de Malpica púxose en contacto coa Dirección Xeral de Medios, que enviou un equipo móbil para realizar medicións do sinal en distintos puntos do concello. Segundo os datos recollidos nun informe que foi remitido posteriormente ao Concello, o sinal chegaba perfectamente a todos os recunchos. Pero o problema continuaba, e desde a Alcaldía continuaron a realizarse xestións ante os distintos organismos competentes para tratar de arranxalo.

Froito desas xestións, tal como explicou o propio Eduardo Parga, desde a Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia vén de poñerse a disposición da veciñanza de Malpica o número de teléfono 881 866 388. É moi importante que todas as persoas afectadas chamen a este número, xa que canta máis información se recolla máis doado resultará adiviñar a orixe do problema e poñerlle fin.

4Out 2017

O serbio Aleksa Strikovic acadou en Malpica o campionato do II Circuíto Intercomarcal de Xadrez Rápido

Ata Malpica achegáronse o sábado 62 xogadores cun nivel bastante forte encabezado polos Grandes Mestres Aleksa Strikovic e David Lariño (actual campión de España de xadrez rápido) contando tamén con 20 MI e 1MF ademais doutros fortes xogadores habituais do circuíto. Houbo participación de Ponferrada, Verín, Ourense, Vigo, Sanxenxo, Rianxo, Padrón, Santiago, Lugo, Ferrol, A Coruña, Cerceda, Arteixo, Carballo, Malpica, Mazaricos, Muxía, Corcubión e Muros. Repartíronse 800 € en premios máis trofeos (pezas de Olería de Buño), con 7 roldas en partidas de 10´+2″ e válido para ELO FIDE de rápidas. O local de xogo foi o pavillón municipal.

2

O GM Serbio Aleksa Strikovic (esquerda) gañou en Malpica e xa é campión do circuíto a falta da cita de Muxía

O GM Serbio Aleksa Strikovic (Chantada) con 6,5 puntos anotábase a súa 6ª vitoria no circuíto, co cal, a falta de unha proba, o día 12 en Muxía, xa é matematicamente o vencedor da xeral do II Circuíto Intercomarcal de Xadrez Rápido Deputación da Coruña, 2º con 6 puntos o MI Arián González (cubano que xoga no Liceo Ourensán), 3º Walter López (Xaquedrum) e 4º Eloy Sixto (Padrón) ambos con 5,5 puntos, 5º o MI Diego Espiñeira (Padrón), 6º Carlos Casares (C. Artes), 7º Alfonso López (Padrón), 8º MF Marcial García (Rianxo) , 9º Pablo Sánchez (Recatelo) 10º Jose Soneira (Cabo Touriñán) todos con 5 puntos foron os premiados da xeral, 11º tamén con 5 quedou o GM David Lariño (Xaquedrum) tras perder 2 partidas ante Alfonso e Iván.

Nos premios especiais e por categorías 1º sub-2000 foi Pablo Tubío (Padrón), 1º sub-1600 Claudio Reboredo (E.T.X.), 1º veterano Manuel Arias (Clubexa), 1ª feminina Paula Quintás (Xaquedrum), 1º sub-18 Daniel González (Carballo), 1º sub-16 Diego López (Padrón), 1º sub-14 Antonio Mallo (Algalia), 1º sub-12 Heriberto Rubial (Ponferrada), 1º sub-10 Xulio do Prado (Padrón), 1º sub-8 Darío Lema (Cabo Touriñán), 1º local Jose A. Cruz, 2º local Javier Fariña, 3º local Iago García, o vencedor do cheque-regalo de 20€ cortesía de Supermercados Gadis foi para Paco Leal.

CAMPION LOCAL JOSE ANTONIO CRUZ

Eduardo Parga e Miguel Fernández con José Antonio Cruz, vencedor local

Á clausura acudiron o alcalde, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, que foron os encargados de entregar os premios. A organización do circuíto agradeceu a colaboración do Concello de Malpica, do concelleiro Iago Espasandín e de Paco Abella.

3Out 2017

O Ecomuseo Forno do Forte achega a Olería de Buño aos centros educativos de toda a provincia

O curso pasado visitaron o Ecomuseo Forno do Forte máis de 50 centros educativos da provincia cun total de 2.574 nenos e nenas de 3 a 17 anos. Aínda así, o complexo etnográfico non puido atender todas as peticións porque moitas visitas concéntranse a finais de curso. Para facilitar a todos os centros o coñecemento dun recurso de tanto interese e tan presente na sociedade durante séculos como a Olería de Buño, a dirección do Ecomuseo está a enviar cartas informativas a todos os colexios e institutos da provincia coa finalidade de planificar as visitas ao longo de todo o período académico.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O ecomuseo ofrece aos estudantes a posibilidade de mergullarse na historia da nosa olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través dun percorrido que a nosa guía, Lola Martínez, sabe facer interesante para todas as idades. Pero os nenos e nenas, ademais, poden converterse por un día en artistas do barro. Para os máis pequenos, o oleiro José Antonio Corral organiza obradoiros que se desenvolven no cabanote, e que permite que moitas e moitos deles teñan o seu primeiro contacto co barro. Cando os visitantes xa son alumn@s de instituto, o oleiro do Ecomuseo cédelles o seu posto no torno para que, coa súa axuda, poidan elaborar unha peza.

Nos vindeiros días os centros recibirán un envío que inclúe información sobre horarios, servizos e actividades que ofrece o Forno do Forte. De feito, o éxito do ecomuseo obedece en gran parte ao importante labor de difusión que se leva a cabo entre os centros de ensino, tal como explica o seu xerente, Paco Doval. Os colexios e institutos que estean interesados, pero tamén entidades ou grupos, poden facer a súa reserva a través do número de teléfono 981 711 520 ou no correo electrónico ecomuseo.fornodoforte@malpicadebergantinos.es.

2Out 2017

Cincuenta veciñas e veciños do noso concello participan no programa de envellecemento activo

O martes 3 de outubro arranca unha nova edición do programa de envellecemento activo, unha iniciativa da Concellaría de Servizos Sociais que vai dirixida a persoas maiores de 60 anos coa intención de enriquecer o proceso de envellecemento, previr situacións prematuras de dependencia e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Este ano serán 50 os participantes, distribuídos entre os grupos que teremos en Buño e Malpica, e de novo as actividades correrán a cargo da empresa de economía social Máis Porvir.

Ata o 10 de novembro, as persoas participantes terán a oportunidade de asistir a diferentes actividades de estimulación cognitiva nas que terán cabida, entre outros recursos, as novas tecnoloxías. Taller de voz, xogos de mesa, elaboración de xabóns artesanais, alimentación saudable, psicomotricidade, termalismo, pilates… Son moitas as propostas do departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín para acadar ese envellecemento activo ao que aspiramos.

As sesións celebraranse os martes e os xoves, na Casa do Oleiro de 16 a 18 horas, e no Centro Cívico, de 18.15 a 20.15. O programa rematará o 10 de novembro cun baile. Consulta o programa completo aquí:

Publicidade envellecemento Malpica 2017

2Out 2017

Juan O Botero permanecerá para sempre na memoria colectiva de Malpica grazas á rúa que leva o seu nome

 

RUA JUAN O BOTERO

Juan O Botero xa ten unha rúa en Malpica. O grupo de goberno fíxose eco da petición presentada o Concello por un grupo de veciños, que mesmo levaron a cabo unha campaña de recollida de sinaturas a través plataforma change.org, na que moitas persoas destacaron a humildade, a humanidade e o bo facer dunha persoa tan coñecida como querida na súa vila, calidades que tamén louvou o alcalde, Eduardo Parga, na inauguración da rúa.

INAUGURACION 2

O sábado pola tarde tivo lugar o descubrimento da placa, nun acto no que participou o grupo de goberno case en pleno e a familia do homenaxeado. A 2ª Travesía do Río, onde viviu Juan O Botero, leva xa o seu nome.

Juan Manuel Vázquez finou fai un ano, pero permanecerá para sempre na memoria colectiva grazas á rúa que leva o nome polo que todo o mundo o coñecía, Juan O Botero.

24Set 2017

A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” impulsa o sector hostaleiro na primeira fin de semana do outono

“Repetiría para a semana”, asegura un dos nove hostaleiros e hostaleiras que participaron na segunda edición da ruta de tapas “Malpica sabe a mar”. O balance é moi positivo, sobre todo tendo en conta que a ruta coincidiu coa primeira fin de semana do outono e a finais de mes. “Dá gusto ver tanto ambiente en Malpica nesta época. Xenial”, manifestou outro dos participantes.

TAPAS

Despois de dúas edicións, e aínda que sempre hai aspectos que mellorar, semella que o modelo de “Malpica sabe a mar” funciona. Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica diferénciase doutras semellantes en que todas as tapas están elaboradas con produtos do mar. Deste xeito, os clientes dos locais puideron degustar chipirón, chopo, bacallau, polbo, ameixas, mexillóns e mesmo percebes en moi diversas elaboracións e por só 1,5 euros. Ademais do prezo, en “Malpica sabe a mar” tamén se promociona a Olería de Buño, ao utilizar pratos elaborados artesanalmente con barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas magnum, bolsas, camisetas, mandís, tapas… Este ano repartíronse case 800 premios.

A ruta de tapas contou este ano cun programa de actividades paralelas organizadas pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo e o propio sector da hostalería. Deste xeito, o sábado pola mañá celebrouse a Ruta do Renacemento, que levou aos 25 participantes (as prazas eran limitadas e quedou xente en lista de agarda para outra futura visita) á igrexa e ás Torres de Mens. Guiados pola técnica de Turismo do Concello de Malpica, María Taibo, e polo propietario das torres, Agustín Ordóñez, que se amosou unha vez máis como un excelente anfitrión, estas 25 persoas tiveron a oportunidade de coñecer dúas xoias do patrimonio malpicán. As explicacións foron tan detalladas e os visitantes amosaron tanto interese que a visita ao Ecomuseo Forno do Forte xa non puido levarse a cabo, e realizarase noutra data.

E pola noite, coincidindo co horario de “Malpica sabe a mar”, os gaiteiros da asociación cultural Malante animaron os establecementos participantes na ruta, nos que houbo moitísimo ambiente, coa súa música. E para que o bo ambiente continúe, a hostalería ten preparada para o sábado que vén a actuación do dúo D’Café na praza.

22Set 2017

A hostalería local pon en valor os sectores pesqueiro e oleiro na segunda edición da ruta de tapas “Malpica sabe a mar”

cartel malpica sabe a mar

“Mestura mariñeira”, “Tapa de terra e mar”, “Chipirón do martillo con salsa lío”, “Chopo en tinta”, “Pementos do piquillo recheos de bacallau”, “Croquetas de polbo con grelos”, “Salpicón de rape e centola”, “Guiso de chipirón” e “Percebes con cachelos” son algunhas das apetecibles tapas que servirán ao longo da fin de semana os nove establecementos participantes na segunda edición da ruta “Malpica sabe a mar”. A posta en valor do sector pesqueiro é un dos obxectivos desta iniciativa organizada pola Concellería de Promoción Económica coa colaboración da hostalería local, e por iso todas as tapas terán entre os seus ingredientes un produto do mar.

A variedade e a calidade están garantidas en “Malpica sabe a mar”, que tamén contribúe á promoción da Olería de Buño, xa que os pratos nos que se servirán as tapas son de barro e foron elaborados ao xeito tradicional no Ecomuseo Forno do Forte.

Durante as tres xornadas que durará a ruta de tapas, os establecementos participantes repartirán case 800 premios entre os seus clientes. As tapas venderanse a 1,5 euros, e con cada unha entregarase un boleto que ofrece a posibilidade de conseguir premios directos: bolsas de tela de “Malpica sabe a mar”, botellas de distintas bebidas, mandís, camisetas… son algúns dos moitos agasallos que poderán conseguir as persoas que realicen a ruta. E ademais, grazas á implicación do propio sector hostaleiro, o sábado pola noite haberá animación en todos os locais a cargo dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante.

Coincidindo con “Malpica sabe a mar”, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo organiza unha ruta guiada en autobús por distintos recursos de interese histórico e patrimonial do concello que nos remontan á época do Renacemento, entre eles as Torres de Mens, que abriran as súas portas para acoller a un máximo de 25 persoas. O percorrido comezará o sábado ás 09.40 horas e rematará a tempo para gozar das tapas ao mediodía. As prazas xa están cubertas.

Hoxe venres ás 20 horas arrancará a segunda edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar nos establecementos Taberna do Lesto, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, O Pescador, O Burato e Café bar Santiago Apóstol. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas.

19Set 2017

A Ruta do Renacemento, que inclúe unha visita ás Torres de Mens, completa a oferta de actividades de “Malpica sabe a mar”

RUTA RENACEMENTO

Esta fin de semana en Malpica vai de rutas. Coincidindo coa segunda edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar, na que finalmente serán nove os establecementos participantes, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo organiza unha ruta guiada en autobús por distintos recursos de interese histórico e patrimonial do concello que nos remontan á época do Renacemento, entre eles as Torres de Mens, que abriran as súas portas para acoller a un máximo de 25 persoas.

A Ruta do Renacemento, que será de balde, está programada para o sábado pola mañá. Os participantes sairán ás 09.40 horas da Oficina de Turismo, situada na praza de Anselmo Villar Amigo, e visitarán a igrexa de Santiago de Mens e as Torres de Mens, nas que poderán facer un percorrido guiado polo interior. Ás 11.30 partirán cara Buño co obxectivo de coñecer o Ecomuseo Forno do Forte, e estarán de regreso ás 13 horas en Malpica para poder sumarse á ruta de tapas.

As persoas interesadas en participar poden reservar praza a través do correo electrónico maritaibo@hotmail.com ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 686 060 434. As prazas adxudicaranse por orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas en Malpica. No caso de que exista unha demanda moi superior ás 25 prazas crearase unha lista de agarda para outra posible ruta.

cartel malpica sabe a mar

Con esta iniciativa, o Concello de Malpica segue apostando pola dinamización turística e económica do noso municipio. O venres ás 20 horas arrancará a segunda edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar, organizada pola Concellería de Promoción Económica, na que participarán os establecementos Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, O Pescador e Café bar Santiago Apóstol. Nove locais de hostalaría que durante toda a fin de semana servirán tapas elaboradas con produtos do mar a un prezo de 1,5 euros. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas Con cada unha entregarase un boleto que ofrece a posibilidade de conseguir premios directos: bolsas de tela, camisetas, mandís, botellas, etc.

As tapas serviranse en pratos elaborados de Olería de Buño, elaborados para a ocasión no Ecomuseo Forno do Forte, xa que un dos obxectivos da iniciativa é enlazar tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalería e a olería.

Pola súa banda, os hostaleiros malpicáns tamén poñen o seu gran de area para dinamizar a vila durante o mes de setembro. Despois da actuación do Trío Platino a fin de semana pasada, este sábado os gaiteiros de Malante farán un percorrido polos locais a partir das 20 horas, e o día 30 actuará na praza o Dúo Café.

Página 71 de 149« Primera...102030...6970717273...8090100...Última »