Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

19Nov 2017

A UD Cerqueda renova o seu compromiso social cunha nova doazón para o banco de alimentos de Malpica

ENTREGA OS PETONS

Un ano máis, e xa van tres, a Unión Deportiva Cerqueda quixo destinar a recadación do Torneo Solidario Os Petóns ao banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños. Despois de interesarse polos produtos máis necesarios para as vinte familias usuarias do servizo municipal, representantes do club veñen de entregalos no banco de alimentos, nun acto simbólico no que participaron tamén o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández.

A UD Cerqueda renova deste xeito o seu compromiso social, porque unha das máximas da entidade é conseguir que o fútbol traspase o ámbito puramente deportivo para entrar tamén no ámbito social. Deste xeito, no 2015 iniciouse unha colaboración estable entre a entidade deportiva e o banco de alimentos do Concello de Malpica da que poderemos ver unha nova mostra no Nadal.

17Nov 2017

150 nenos e nenas de catorce clubs galegos e as escolas de Malpica e Buño participarán mañá no II Trofeo Club Patín Velúa

Ao longo da xornada do sábado teremos en Malpica a 150 nenos e nenas para celebrar unha gran festa do patinaxe. O II Trofeo Club Patín Velúa, no que colabora o Concello de Malpica, reunirá a deportistas pertencentes a catorce clubs galegos, incluído o anfitrión, ademais dos alumnos das Escolas Municipais de Patín de Malpica e Buño.

patin

A xornada desenvolverase no pavillón municipal de 9.30 a 13.30 e de 16 a 20 horas. Despois das probas dos niveis 8, 7, 6, 2A, 1A e Debutantes está prevista unha exhibición a cargo de Carla Estraviz e Ángel Lorenzo, a parella subcampioa de Europa, que abrirá o desfile e o acto matinal de entrega de medallas e trofeos.

Pola tarde tocaralles a quenda aos niveis 3, 4 e 5 antes das exhibicións da EDM Malpica, Manuela Vila (campioa de España) e Pablo Vasallo (campión galego). A partir das 18.35 desenvolverase a competición autonómica nas categorías benxamín e alevín e ás 19.25 arrancará a competición nacional en alevín e infantil. O desfile e a entrega de medallas pecharán a intensa xornada deportiva.

O II Trofeo Club Patín Velúa contará coa participación dos clubs Patiart (Coristanco), Ribeira, A Pobra, Liceo (A Coruña), Dominicos (A Coruña), Anca (Lugo), Galia (Ordes), Alquimia (Cambre), Alquimia (Carral), Buxaina (Ferrol), Raiola (Ferrol), Fervello (Arteixo), Maxia (A Coruña) e Velúa (Malpica), así como das Escolas Municipais de Patín de Malpica e Buño.

16Nov 2017

Iago Espasandín presenta a súa dimisión por non poder compaxinar o cargo de concelleiro co seu novo traballo fóra de Galicia

SAMSUNG CAMERA PICTURES

A imposibilidade de compaxinar o traballo municipal coas súas novas responsabilidades laborais fóra de Galicia motivan a dimisión de Iago Espasandín Varela como concelleiro do Partido Popular en Malpica. Hoxe presentou o escrito de renuncia, que se fará oficial no pleno ordinario do vindeiro día 30. O seu posto no goberno municipal será ocupado por Julio José Vila Díaz, da parroquia de Cambre e gandeiro de profesión, posto que o seguinte na lista, Gabriel Costa García, de Mens, tampouco poderá incorporarse por motivos laborais.

No escrito presentado hoxe, Iago Espasandín explica: “O motivo da renuncia é estritamente profesional, xa que nos vindeiros días incorporareime ao meu posto de traballo fóra de Galicia, facendo totalmente incompatible a miña actividade laboral coa actividade política no Concello de Malpica”. O concelleiro de Deportes agradece o apoio dos veciños e veciñas do municipio “que fixeron posible a través do seu voto que chegara a ser concelleiro, algo que sen dúbida sempre levarei con moito orgullo”. Así mesmo, amosa a súa gratitude “ao Partido Popular pola oportunidade de formar parte da lista electoral municipal no ano 2015 e a todos os membros do grupo popular cos que compartín goberno nestes dous anos e medio”, e especialmente agradece “o apoio do alcalde e do primeiro tenente de alcalde en todas as actividades que se levaron a cabo nesta parte do mandato”. Iago Espasandín tampouco esquece ao persoal do Concello de Malpica nin a “todas as asociacións, clubs e persoas que colaboraron nesta experiencia e que dun xeito ou outro contribuíron a que tantas actividades e proxectos puidesen saír adiante, pois sen eles sería imposible”.

Na súa despedida, Iago Espasandín tamén quere “pedir desculpas polos posibles erros que puidera cometer nestes meses e desexarlle a mellor das sortes ao actual grupo de goberno no que queda de mandato”.

O agradecemento e os bos desexos son recíprocos. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, lamentou que Iago Espasandín abandone o seu posto da corporación, “pero o primeiro é o primeiro, e entendemos que agora ten que facer fronte ás súas novas responsabilidades laborais, nas que lle desexamos moitos éxitos e toda a sorte do mundo”. O alcalde agradeceu o importantísimo traballo desenvolvido polo concelleiro de Deportes e Urbanismo desde as áreas que xestionou ao longo de todos estes meses, e manifestou o seu desexo de seguir contando co seu apoio desde a militancia no Partido Popular e desde o compromiso que, como ten demostrado, ten adquirido co Concello de Malpica e cos seus veciños e veciñas.

10Nov 2017

Rematou o programa de envellecemento activo con moi boa nota por parte dos participantes e o compromiso do Concello de Malpica de intentar darlle continuidade

ENVELLECEMENTO

A xornada de clausura do programa de envellecemento activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais foi unha auténtica festa. Despois da entrega de diplomas, na que participaron a concelleira Marisol Blanco, o concelleiro Miguel Fernández e o alcalde, Eduardo Parga, os e as participantes compartiron unha tarde de merenda e música en directo.

Un total de 50 persoas maiores de 60 anos participaron este ano no programa, que ten como finalidade enriquecer o proceso de envellecemento, previr situacións prematuras de dependencia e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Para conseguilo, a empresa de economía social Máis Porvir programou e levou a cabo durante o último mes numerosas actividades que foron moi ben valoradas polos asistentes, aínda que a que obtivo a mellor nota foi a xornada de termalismo.

A celebración rematou coa petición unánime dos participantes ao Concello de Malpica para manter este tipo de actividade e o compromiso do alcalde de intentar darlle continuidade a esta e outras iniciativas dirixidas ás persoas maiores.

5Nov 2017

Andrea Nunes Brións e María Rosendo asinan a obra gañadora do XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

cea das letras (1)

Por terceira vez na historia do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas gaña unha obra a dúas voces, pero por primeira vez trátase de dúas voces femininas: as de Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984).  O xurado considerou que a súa Diáspora de amor balea era merecedora do premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do libro, “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”. Tal como recolle o fallo, que se fixo público esta noite na xa tradicional Cea das Letras, “trátase dun espistolario a dúas voces nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación. As dúas voces que falan no libro flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade”.

Andrea Nunes é licenciada en filoloxía hispánica pola USC. É unha das autoras máis recoñecidas das novas xeracións da poesía galega. Publicou Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011), ademais de diversas obras colectivas das que destaca a recente “13 antoloxía da poesía galega próxima”, publicada por Chan da Pólvora e coordinada por Chus Nogueira. Andrea Nunes, que desde hai algúns anos vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español, é tamén unha coñecida activista política e feminista.

María Rosendo, pola súa banda, realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social. No ano 2010 obtivo o Premio Pérez Parallé co libro Nómade.

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xavier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo

Na Cea das Letras, que este ano tivo como escenario a Casa da Cultura de Seaia, tamén se fixo entrega do premio correspondente á edición anterior a Xavier Queipo, nun acto presidido polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, e no que estivo moi presente a memoria do que foi secretario da entidade, Paco Souto. Todos os asistentes foron agasallados con cadanseu exemplar de O home invisíbel, un novo título para a colección Caldeirón, e tiveron a ocasión de coñecer en primicia un dos poemas da Diáspora de amor balea recitado por unha das súas autoras, María Rosendo.

25Out 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas lembra a Paco Souto cunha semana de actividades arredor da súa figura

cartel erotico 2017 TRAZADOO mundo da cultura galega comeza a escribir as “Novas crónicas de Malpica” a través dun programa de actos que terán como eixo fundamental a figura do finado Paco Souto. Creadores das máis diversas disciplinas daranse cita na nosa vila entre o 31 deste mes e o 5 de novembro para lembrar, coincidindo coa entrega do premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, a quen foi o seu principal impulsor.

Esta nova iniciativa da Asociación Cultural Caldeirón conta co apoio do Concello de Malpica, Tingalaranga, Confraría de Pescadores e Asociación Cultural Malante, e co patrocinio de Viños Tano, Carnicería Moncho e Forno Novo Panadería. Entre todas e todos, e coa colaboración de numerosas persoas do mundo da cultura, vaise desenvolver un programa de actividades para todos os públicos que trata de facer honor a unha das máximas de Paco Souto: “A vida sen paixón só é un trámite”.

Con toda a paixón, arrancaremos o martes 31 no CEIP Milladoiro con “Poemar o mar”, unha iniciativa de promoción da poesía dentro da escola baseada dun dos elementos aos que tantos versos dedicou o propio Paco Souto. E desde o 1 ata o 5 de novembro desenvolveranse todo tipo de propostas, que podedes consultar no folleto adxunto, en diversos escenarios. O Centro Cívico de Malpica, a Casa do Pescador, locais de hostalaría, a Casa da cultura de Seaia e tamén as rúas acollerán as actividades.

Ademais, o sábado 4 farase público o fallo do xurado do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, coincidindo cunha Cea das Letras tamén moi especial. No acto do día 4 tamén se realizará a presentación de “O home invisíbel”, a obra gañadora do ano pasado, da autoría de Xabier Queipo.

programa reverso 2017

25Out 2017

O Concello pon en marcha un taller práctico de pladur e pintura para mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Un máximo de 10 persoas poderán participar no taller de pladur e pintura que organiza o Concello de Malpica, a través da empresa de economía social Máis Porvir, para persoas en risco de exclusión social. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral deste colectivo, ao mesmo tempo que se lle dá un valor engadido ao traballo mediante o acondicionamento dunha aula na Casa do Oleiro de Buño. Esta iniciativa promovida pola Concellería de Servizos Sociais dará continuidade, así mesmo, ao programa de formación que vén levando a cabo nos últimos anos co obxectivo de impulsar a empregabilidade dos colectivos que teñen máis dificultades para acceder ao traballo.

O taller será totalmente práctico, e dotará ás persoas participantes de coñecementos básicos en instalación de pladur, pintado de superficies e pequenos arranxos en edificios. Ademais da formación profesional de cara a unha futura inserción no mercado de traballo, esta acción formativa tamén pretende mellorar os hábitos laborais dos participantes, reforzar a súa autoestima e aumentar a súa motivación e educar na conservación ambiental e arquitectónica.

O curso desenvolverase desde o 31 deste mes ata o 12 de decembro. Terá unha duración de 54 horas, que se repartirán de martes a xoves de 11 a 14. O programa formativo inclúe coñecementos sobre eliminación de humidades, prevención de riscos, impermeabilización e técnicas de colocación de pladur, e pintado de superficies. As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico).

17Out 2017

Malpica lembra, 84 anos despois, a primeira representación de monicreques das Misións Pedagóxicas

O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches. José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís, xunto a Rafael Dieste, iniciaban na nosa vila as representacións de monicreques que as Misións Pedagóxicas levarían por todo o país. En lembranza daquel titánico esforzo por achegar a cultura a todos os recunchos do Estado español, no 22 de outubro de 2017, queremos levar ó mesmo espazo que se usara no ano 33 unha representación de monicreques.

Deste xeito, as Misións Pedagóxicas regresan a Malpica 84 anos cunha xornada festiva e cultural na que lembraremos aquela data histórica. Coa colaboración da Asociación Cultural Malante, a Asociación de Veciños San Antonio y A Tropa dos Pardo, ás 17 horas empezará a celebración cun pasarrúas da A.C. Malante pola praza de Anselmo Villar Amigo e a rúa Eduardo Vila Fano. A continuación volverán os monicreques. Titereficcións presentaranos “Cantos contos contas”, un espectáculo teatral e musical na que dous viaxeiros que coinciden nunha estación de tren compartirán, mentres agardan, algúns dos contos que marcaron as súas vidas.

O acto central comezará ás 19 horas na praza. Un magosto popular encherá de animación a vila. Haberá castañas, viño, licor café e chocolate, e cuncas a 2 euros coas que se poderá recuncar tantas veces como se queira. E como en toda boa festa debe haber música, as cantareiras e os gaiteiros de Malante e A Tropa dos Pardo encargaranse de que non falte.

Este ano, como novidade, tamén organizamos un concurso de disfraces de época no que haberá premios á mellor caracterización (anos 1920-1930). Teremos dúas categorías: infantil (ata 12 anos) e absoluta (sen límite de idade), e un xurado popular encargarase de decidir os premios, que consistirán en trofeos e cestas.

Exposición
Aínda que o prato forte será o 22, desde onte pode visitarse tamén na aula circular do Fondo Lugrís (Centro Cívico) unha exposición de fotografías da representación do ano 1933. Así mesmo, todos/as os/as veciños/as que dispoñan de fotografías das actividades das Misións Pedagóxicas no ano 1933 en Malpica poden achegalas ao Departamento de Educación e Cultura para proceder á súa dixitalización e incorporalas á Mostra Fotográfica “As Misións Pedagóxicas en Malpica”. Todas as persoas que acheguen fotografías recibirán un CD con fotografías do conxunto da exposición.

CARTEL

 

17Out 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas bate un récord de participación cun total de 21 obras

A todos os motivos que fan especial este ano o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas engádese unha cifra récord de participación, cun total de 21 obras presentadas. O vindeiro 4 de novembro farase público o fallo do xurado, coincidindo cunha Cea das Letras tamén moi especial, xa que se celebrará no Centro Cívico de Malpica e incluirá unha homenaxe a Paco Souto. O que foi secretario da Asociación Cultural Caldeirón, organizadora do certame coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, foi un dos principais impulsores do premio. No acto do día 4 tamén se realizará a presentación de “O home invisíbel”, a obra gañadora do ano pasado, da autoría de Xabier Queipo.

O xurado, do que formara parte o propio Paco Souto xunto con Antón Noceda, técnico de Cultura do Concello de Malpica, e Mario J. Valeiro, gañador da edición anterior, valorou “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle, así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”. O Concello de Malpica financia o premio, dotado con 1.000 euros, e a edición da obra.

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 12 anos. A relación de gañadores das anteriores edicións é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
Página 70 de 149« Primera...102030...6869707172...8090100...Última »